A herdeira de L'Oréal é a muller máis rica do mundo

Encabeza a lista de multimillonarias de Forbes cunha fortuna de 49.300 millóns de dólares

Françoise Bettencourt-Meyers. EP
photo_camera Françoise Bettencourt-Meyers. EP

A herdeira do imperio cosmético L'Oréal e presidenta da compañía, Françoise Bettencourt-Meyers, é a muller máis rica do mundo con strong<> unha fortuna de 49.300 millóns de dólares, segundo adiantou este luns a revista Forbes.

Bettencourt-Meyers lidera esta lista de multimillonarias, que será publicada este martes polo medio estadounidense, só un ano logo do seu debut na mesma, que se produciu tras a morte da súa nai, Liliane Bettencourt, en setembro de 2017.

Francoise Bettencourt-Meyers é a neta do fundador de L'Oreal, Eugéne Schueller, inventor das tinguiduras de pelo, e ademais foi membro do consello directivo da empresa desde 1997.

A súa fortuna aumentou en máis de 7.100 millóns de dólares, ou un 17%, desde o ano pasado grazas aos bos resultados da compañía, da que ela e a súa familia posúen un 33 por cento das accións.

Forbes apuntou que un 90 por cento do seu patrimonio está conectado ás súas participacións de L'Oréal, que o ano pasado rexistrou os seus mellores resultados nunha década, cuns ingresos de 30.600 millóns de dólares, grazas especialmente ao ascenso de vendas na rexión de Asia Pacífico, e en concreto en China.

A herdeira tamén preside a fundación familiar Bettencourt Schueller, unha organización de carácter filantrópico que impulsa proxectos en ciencia, progreso social, artesanía e oficios tradicionais, e que doou fondos para a investigación relacionada con neuronas ou o apoio a familias con nenos con autismo.

Comentarios