Mutua Galega e Ibermutuamur aproban definitivamente a súa integración

A nova entidade converterase nunha das líderes do sector

Junta general de Mutua Gallega. EP
photo_camera Xunta xeral de Mutua Galega. EP

As Xuntas Xerais Extraordinarias de Ibermutuamur e de Mutua Galega, Mutuas Colaboradoras coa Seguridade Social, deron este luns o seu visto e prace ao proceso de integración por fusión de ambas nunha nova entidade, que se converterá así nunha das líderes do sector, terceira mutua a nivel nacional e primeira en Galicia por cota de mercado.

Estímase, informa un comunicado, que terá un volume de xestión superior aos 1.000 millóns de euros e un 9% de participación no conxunto do sector, situándose á cabeza do mesmo por eficiencia e solvencia.

Tras a aprobación regulamentaria, enviarase o convenio de fusión á Secretaría de Estado da Seguridade Social para a súa autorización definitiva. A entidade resultante asegurará o mantemento da súa solvencia plena coa dotación e cobertura das súas provisións e reservas.

Segundo o convenio aprobado, a nova mutua rexerase polos principios xerais de orientación á eficacia e eficiencia xestora, a calidade dos servizos, o bo goberno, a participación, a transparencia e a descentralización, favorecendo a proporcionalidade e o equilibrio territorial.

A nova entidade nace, sinala a nota, con vocación de adecuar a súa estrutura e implantación de mercado á organización territorial do Estado. Así, a denominación da nova entidade será Ibermutua, e actuará no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia como Ibermutua Galega.

Comentarios