Os ingresos dos concellos por Ibi mantéñense ao rozar os 484 millóns

Seguen en niveis elevados como consecuencia do proceso extraordinario de actualización de valores que o Ministerio de Hacienda activou a finais de 2013

O imposto de bens inmobles (Ibi) inxectou aos concellos o ano pasado 483,6 millóns de euros, practicamente a mesma cantidade que recadaron en 2015 (-0,26%), segundo o avance estatístico publicado este mércores pola Dirección Xeral do Catastro. Os ingresos seguen en niveis elevados como consecuencia do proceso extraordinario de actualización de valores que o Ministerio de Hacienda activou a finais de 2013 co obxectivo de regularizar o número de inmobles censados e as súas características, unha iniciativa que prosegue este ano coa revisión das construcións en 80 municipios da comunidade.

A maiores, nos últimos anos varios concellos solicitaron ao Goberno actualizar os coeficientes que aplican á hora de calcular o valor dos bens, un proceso que nalgúns casos supuxo subidas que logo repercutiron no recibo do Ibi. O ano pasado, 99 municipios acolléronse e só un optou por baixar a tasación.

Ante a contestación social xerada polo catastrazo, coa fin de non penalizar en exceso aos veciños algún municipio optou por reducir o tipo do Ibi aplicado dentro da escala do 0,4 ao 1,1% fixada por Hacienda para os bens urbanos.

Outros se acolleron á posibilidade de aplicar por un máximo de seis anos tipos reducidos tras actualizar os valores, unha vía pola que este ano optaron Cotobade (0,275%), Barro (0,38%), Valga (0,38%) e A Lama (0,34%). O impacto do plan de regularización -polo que o Catastro cobrou aos propietarios afectados unha taxa de 60 euros- reflíctese nas estatísticas, que indican que desde 2012 a recadación creceu un 11% pese ao parón da construción.

Comentarios