Un proxecto con acento galego usará a impresión 3D na fabricación de compoñentes metálicos

A iniciativa conta cun orzamento próximo aos 17 millóns de euros

Recarga de láser en Aimen. EP
photo_camera Recarga de láser en Aimen. EP

O centro tecnolóxico Aimen lidera un proxecto europeo que busca incorporar a impresión 3D de pezas metálicas de tamaño medio-grande nos sectores aeronáutico, metalmecánico, automoción e construción civil. A iniciativa, denominada Integradde, implica a participación de 26 socios de 11 países, informa o centro tecnolóxico galego nun comunicado.

Os custos de produción e a aparición de defectos impredicibles nos produtos e pezas metálicas producidas mediante fabricación aditiva están a impedir a súa adopción e despregamento por parte da industria manufacturera de compoñentes metálicos. Ata a data non se conseguiu unha implementación real da impresión 3D na industria.

Dar o salto a incorporar esta tecnoloxía na industria é o obxectivo fundamental que pretende alcanzar o proxecto Integradde, para implementar un novo modelo máis rápido e con cero defectos. Estímase que a fiabilidade dos procesos de fabricación aditiva incrementaranse un 40% e a velocidade de produción aumentará un 25%.

Así mesmo, conseguirase abordar a fabricación de novas pezas con maiores esixencias e simplificar os procesos actuais, ademais de mellorar a calidade das mesmas. O proxecto conta cun orzamento próximo aos 17 millóns de euros. 

Comentarios