viernes. 23.08.2019 |
El tiempo
viernes. 23.08.2019
El tiempo

A rúa Príncipe de Vigo ten o aluguer medio de locais comerciais máis caro de Galicia

Baixo en aluguer e venda en Santiago. Pepe Ferrín (AGN)
Baixo en aluguer e venda en Santiago. Pepe Ferrín (AGN)

As zonas urbanas desenvólvense de forma "positiva" pero decenas de concellos de interior atópanse "estancados" 

A rúa Príncipe de Vigo é a zona de aluguer de locais comerciais máis cara de Galicia, cun prezo medio de 42 euros por metro cadrado, segundo un balance da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) sobre arrendamentos de locais comerciais en Galicia en 2019.  O estudo, ademais de facer referencia á Galicia urbana que se desenvolve "dunha forma positiva" en Vigo, A Coruña e Santiago, tamén valora unha segunda liña de desenvolvemento que ten lugar nas áreas de influencia das cidades de Ourense, Lugo e Pontevedra. Mentres, a área de Ferrol e decenas de concellos galegos de interior de menos de 5.000 habitantes atópanse "estancados". 

Estas últimas zonas contan cun mínimo básico de actividades económicas e unha demanda de locais "practicamente inexistente" a pesar de contar con prezos reducidos en comparación coas grandes cidades galegas.

POR PROVINCIAS. En canto a cifras, a provincia da Coruña conta co prezo medio de aluguer de locais comerciais máis alto de Galicia, con 7,90 euros por metro cadrado. Séguenlle Pontevedra, con 7,10 euros; Ourense, con 5,90 euros; e Lugo, cun prezo medio por metro cadrado de 5,50 euros. 

A demanda en máis de 270 concellos galegos é reducida e derívase ao núcleo máis céntrico dos municipios máis poboados

Das sete cidades principais da comunidade, Santiago encabeza o ranking cun prezo medio de 9,80 euros por metro cadrado. A segunda cidade é A Coruña, con 9,00 euros; e seguen Pontevedra e Vigo, con 8,50 euros de media por metro cadrado cada unha. 

En canto ao número de locais comerciais en aluguer de comercialización nas sete principais áreas de influencia de Galicia, é a de Vigo a que encabeza a lista con 1.200 locais. Séguena a área da Coruña, con 1.000 locais; Ourense, con 750; e Santiago de Compostela, con 320.

PREZOS POR ÁREAS. En canto a Vigo, a zona de aluguer de locais comerciais máis cara da cidade e de Galicia é a rúa Príncipe, con 42 euros de media por metro cadrado; a Rúa Velázquez, con 22 euros e o Centro-Areal cun prezo de 14 euros. 

No caso de Lugo, o Recinto Amurallado posúe un prezo medio de aluguer de locais comerciais por metro cadrado de 14 euros. Continúan a zona de Carme-Fingoi, con 6 euros; e Catasol-Sanxillao e Sagrado Corazón, cun prezo de 5 euros

A localización, o estado de conservación e reforma, os metros de fachada ou a súa cristaleira son os aspectos que máis inflúen na cotización dun local

Na área pontevedresa a zona máis cara para alugar un local é o Centro-Echegaray, que conta cun prezo medio por metro cadrado de 15 euros. As seguintes son a zona da Praza de Barcelos, cun prezo de 10 euros; a zona de Fernández Ladreda, de 7 euros e La Seca-Salgueiriños con 6 euros.

A área de Ourense sitúa a Santo Domingo, con 25 euros e Paseo, con 32 euros no primeiro posto. Séguenas as zonas do Centro con 11 euros e a Zona vella e As Lagunas cun prezo medio de 7,50 euros por metro cadrado. 

A zona de Comesaña-Matamá é a que conta cun prezo medio máis alto da área de Vigo, con 9 euros por metro cadrado. Séguena Alcabre-Navia, con 7 euros e Coruxo-Oia-Saiáns e Teis, con 5 euros. 

Na área da Coruña o maior prezo medio por metro cadrado correspóndelle ao Ensanche, con 14 euros. Séguenlle a Cidade Vella-Centro, con 13 euros; Catro Camiños-Praza da Cubela, cun prezo medio de 11 euros e Juan Florez, con 9 euros. 

A oferta existente na actualidade no conxunto das catro provincias "é máis que suficiente" para atender á demanda

A área de Ferrol conta cun prezo medio por metro cadrado de 6 euros na zona de Ultramar e séguenlle Praza España e o Centro con 5 euros; Esteiro con 4,60 euros; e Caranza, con 4 euros. 

No que se refire á área da capital galega, o prezo medio do aluguer por metro cadrado máis alto teno en Ensanche-Sar, con 15 euros. Posteriormente séguenlle o Centro histórico, con 13 euros e a zona do Campus Sur e Santa Marta, con 8 euros. 

MEDIDORES. Os prezos medios dun local comercial establécense, segundo o estudo, en función dalgúns parámetros como a súa localización, o estado de conservación e reforma, os metros cadrados de fachada ou a súa cristaleira. Outros factores como a localización en esquinas, os mellores acondicionamentos e unha maior superficie de cristaleira á rúa aumentarán o valor do arrendamento. 

Segundo explica a Fegein, a oferta existente na actualidade no conxunto das catro provincias "é máis que suficiente" para atender á demanda. 

A hostalería, restauración, téxtil e as actividades de alimentación aglutinan a maioría das operacións de locais comerciais en Galicia

Ademais, clasifica a Galicia "en dúas velocidades". A primeira correspóndese cunhas áreas que avanzan e aglutinan o 80% da oferta e a demanda e que practicamente se desenvolven en 40 concellos dos 313 totais da comunidade. 

Polo tanto, a demanda en máis de 270 concellos galegos é reducida e derívase ao núcleo máis céntrico dos municipios máis poboados e que unicamente representan o 20% da demanda actual. Isto evidencia o despoboamento e envellecemento dos municipios de menos de 5.000 habitantes.

SECTORES. A hostalería, restauración, téxtil e as actividades de alimentación son as que aglutinan a maioría das operacións de locais comerciais na comunidade galega segundo esta análise. As rúas máis céntricas e os centros comerciais son os "predilectos" para os demandantes de actividades económicas de roupa, bixutería, calzados e complementos. É significativo tamén que as rúas máis céntricas das principais cidades estean practicamente tomadas polas grandes marcas e franquías, polo que o comercio local queda desprazado ás rúas semicéntricas ou á periferia. 

A rúa Príncipe de Vigo ten o aluguer medio de locais comerciais...
Comentarios