Os sindicatos de Alcoa Avilés néganse de momento a ratificar o preacordo alcanzado co fondo de investimento suízo Parter Capital para a venda das fábricas, tal como pide a compañía do aluminio, e indicaron que cando coñezan o proxecto en profundidade convocarán unha asemblea de traballadores para deliberarlo.
O vicepresidente do comité de empresa de Alcoa Avilés, Daniel Cuartas, indicou a Efe que "xa non hai volta de folla" porque a multinacional do aluminio tomou a decisión en firme de seguir negociando con Parter e de desestimar a proposta do grupo alemán Quantum, a pesar de ser mellorada e ampliada ás plantas de Avilés e A Coruña.
Os motivos que aduce a empresa, segundo Cuartas, limítanse a que non cumpre con varios dos requisitos, que si cumpriría a opción suíza.
O dirixente sindical realizou estas consideracións tras unha reunión celebrada en Madrid pola comisión de seguimento dos acordos polo mantemento da actividade industrial en Avilés e A Coruña.
Este venres está prevista unha nova reunión, definitivamente con Parter como única opción, e a contrarreloxo porque o prazo para pechar a operación de venda finaliza en dez días.
Por outra banda, os traballadores continúan a denominada "marcha polo aluminio" a pé que partiu de Asturias e que este xoves cubriu o tramo entre Medina del Campo e Arévalo coa previsión de chegar á meta, Madrid, o vindeiro luns.