O TSXG reclama ao sector eólico "respecto" á independencia xudicial

Responde as manifestacións de Greenalia e da Asociación Eólica de Galicia tras a suspensión de varios parques
Sede del TSXG en A Coruña.AEP
photo_camera Sede do TSXG na Coruña. AEP

A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu este venres un comunicado no que esixe "respecto á independencia xudicial" e insta a aqueles que poidan estar "desconformes" coas súas resolucións a utilizar "os medios que lles garante a lexislación procesual".

A reacción do órgano que preside José María Gómez e Díaz-Castroverde chega despois de que Greenalia reclamase maior seguridade xurídica para os proxectos eólicos por mor de que o TSXG paralizase de forma cautelar a execución de varios parques da compañía fundada por Manuel García. No que toca ao proxecto Bustelo (entre Coristanco e Carballo), cuxa autorización administrativa previa e de construción outorgada pola Xunta tombou o TSXG, a empresa pediu a recusación do maxistrado Luís Villares por manifestacións que fixo sobre o sector durante a súa etapa política como líder de En Marea. E non foi a primeira acción contra o xuíz lucense emprendida pola firma, que ten no seu equipo directivo á exconselleira Beatriz Mato.

As manifestacións do TSXG chegan, así mesmo, un día despois de que o presidente da Asociación Eólica de Galicia (Ega), Manel Pazo, pedise "responsabilidade" ao alto tribunal avisando de que as suspensións cautelares, que por agora afectan a seis parques, "pon en risco o futuro económico e industrial" de Galicia ao decaer xa algún financiamento e contratos bilaterais de subministración eléctrica.

Fronte a estas manifestacións, o TSXG afirma verse "na obrigación de recordar que a independencia xudicial é un dos alicerces do Estado de Dereito e da democracia". "O seu respecto por parte das administracións públicas e a cidadanía é esencial para o normal funcionamento das institucións", conclúe o órgano.

Comentarios