Vodafone ofrecerá tarifas con datos de internet ilimitados desde o domingo

Os clientes actuais poderán conservar as condicións contratadas ou acollerse ás novas

Vodafone. AEP
photo_camera Vodafone. AEP

A empresa de telecomunicacións Vodafone reordenará as súas tarifas de contratación en España desde o vindeiro domingo, 14 de abril, e ofrecerá por primeira vez datos de internet con consumo ilimitado nos teléfonos móbiles. O director xeral da unidade de negocio de particulares, Andrés Vicente, anunciou o lanzamento nunha rolda de prensa este martes en Madrid, na que explicou que o consumo sen límites de internet está incluído nunha "simplificación" de todas as súas tarifas, tanto de telefonía móbil como das combinadas co fixo e a fibra óptica.

Dos cinco tipos de tarifas de móbiles que terá Vodafone para novos clientes, tres incluirán o consumo ilimitado de datos de internet —a 40,99 euros mensuais na máis económica desas tres—, mentres que catro terán chamadas sen límite. As novas tarifas combinadas ou converxentes (fixo, móbil e fibra) tamén serán cinco, e tamén tres delas incluirán os datos ilimitados.

España é o segundo mercado no que Vodafone lanza tarifas de datos ilimitados, tras o maltés

Os clientes actuais terán a opción de conservar as súas tarifas contratadas ou acollerse ás novas. As tarifas especiais para autónomos e pemes de Vodafone terán tamén datos ilimitados desde este domingo. 

O directivo de Vodafone sinalou que a simplificación de tarifas complementa a reestruturación dos paquetes temáticos de contidos de televisión, que foi anunciada a pasada semana, xa que permitirá que os clientes de películas e series non teñan limitacións para o seu uso en dispositivos móbiles.

O consumo de datos non será ilimitado no roaming (uso no estranxeiro)

España é o segundo mercado no que Vodafone lanza tarifas de datos ilimitados, tras o maltés, segundo expuxo Vicente, quen avanzou que a segunda marca de telefonía da empresa en España, Lowi, non terá datos ilimitados "a curto prazo", debido "á diferente estrutura de custos e ingresos que ten Lowi respecto de Vodafone".

O consumo de datos non será ilimitado no roaming (uso no estranxeiro), pero si haberá paquetes adicionais de datos sen custo extra incluídos nestas tarifas, explicou o director de mercadotecnia para particulares, Roberto Franza, quen engadiu que Vodafone cumpre a normativa da Unión Europea que establece o igual prezo de chamadas.

Os datos serán ilimitados en España para todos os usos do cliente, salvo que Vodafone detecte casos de recomercialización. 

Comentarios