Unha segunda vida tras o ictus

Christian Salamin percorre en bicicleta adaptada 5.400 quilómetros entre Noruega e Santiago â?? Trata de concienciar sobre os accidentes cerebrovasculares, que el mesmo sufriu en 2015
Christian Salamin, con Jorge López, Javier Pitillas e Iván Bragado, en Sarria. PORTO
photo_camera Christian Salamin, con Jorge López, Javier Pitillas e Iván Bragado, en Sarria. PORTO

A vida do suízo Christian Salamin cambiou para sempre en 2015, cando sufriu un ictus que lle deixou o lado esquerdo do corpo paralizado. Entón estivo catro días entre a vida e a morte e tivo o soño de percorrer 5.400 quilómetros entre Noruega e Santiago de Compostela, desexo que agora fai realidade nunha bicicleta adaptada e xa se atopa en Sarria a pouco máis de 100 quilómetros do seu destino.

A aventura deste peregrino comezou o 7 de xullo na cidade norueguesa de Trondheim. Él xa era antes un apaixonado do ciclismo e percorría "10.000 quilómetros ao ano", polo que completar 5.400 "en catro meses non é demasiado", chancea. "E con só unha perna", apunta o peregrino, quen só pedalea coa dereita ao ter o lado esquerdo paralizado. Agora anda sobre unha bicicleta adaptada especialmente para el.

A súa peregrinación, bautizada como Ride for stroke, busca chamar a atención sobre a prevención dos accidentes cerebrovasculares e ofrecer unha mensaxe optimista ás persoas que se recuperan dun dano cerebral, segundo indica. Christian Salamin, ademais, recada fondos coa súa viaxe para a asociación Fragile Valais, un colectivo suízo que apoia ás persoas que padezan un ictus e ás súas familias.

Esta enfermidade é máis frecuente do que se cre, pois, por exemplo, no seu país cada 30 minutos unha persoa sofre un e prodúcense 16.000 cada ano.

Él tivo un ictus en 2015, cando aínda non cumprira os 50 anos. Segundo explica, os seus compañeiros de traballo viron que tiña a cara paralizada e chamaron rapidamente a urxencias. Estivo en coma e catro días entre a vida e a morte. "Loitando e loitando pola miña vida" e foi "moi, moi duro", asegura.

Para Christian Salamin a enfermidade foi "unha segunda oportunidade e un segundo nacemento" e afirma que é "mellor" a súa nova vida que a anterior, pois "antes estaba tenso, o traballo...".

Tras unha longa rehabilitación puido volver á súa afección polo ciclismo. Comezou hai tres anos completando os 1.200 quilómetros da Ruta do Rin, entre Suíza e Holanda, o que foi a súa preparación para a súa gran aventura de Noruega a España. Este é o itinerario ciclista EuroVelo 3 e é coñecido como a Ruta dos Peregrinos, o que para el, dixo, ten un significado especial.

Desde xullo este loitador pasou Noruega, Suecia, Dinamarca, Alemaña, Bélxica, Francia e España. De apoio leva un acompañante cunha autocaravana, na que descansa, e para a que conta con patrocinadores.

ETAPA CON DISCAMINO. Este mesmo martes chegou a Sarria e fíxoo con Javier Pitillas e Iván Bragado, da asociación DisCamino. Estes completaron cunha bicicleta adaptada os 63 quilómetros que separan Ambasmestas, na provincia de León, da vila sarriá. Na localidade foron recibidos polo presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria, Jorge López.

O suízo prevé descansar durante a xornada deste martes no Cámping Vila de Sarria e mañá porase en marcha con destino a Melide. O seu obxectivo é chegar á Praza do Obradoiro o venres por ser unha xornada "simbólica" ao coincidir coa conmemoración do Día Mundial do Ictus.

A súa viaxe non é fácil e recorda que, por exemplo, estivo a pedalear "un mes" baixo a choiva, entre Dinamarca e Alemaña. Atravesar España está a serlle "moi duro" e lamenta que o Camiño non é accesible para unha persoa con bicicleta adaptada. "Francia si, é unha autoestrada", afirma.

Para o responsable de DisCamino, Javier Pitillas, foi "precioso" acompañar nunha etapa ao aventureiro, quen é un "auténtico fenómeno". Asegura que a de onte foi a ocasión "que máis rápido subimos ao Cebreiro" ao ter que seguir o ritmo do suízo.

Este sorprendeuse do traballo de DisCamino, colectivo que cumpre o desexo de persoas con discapacidade física, intelectual e sensorial de percorrer a ruta xacobea con bicicletas adaptadas.

A Christian Salamin gustaríalle pór en marcha un proxecto similar no seu país, conta a poucos días de terminar a súa aventura, que se pode seguir na súa páxina web de Ride for stroke.

Máis en En Camino
Puerta sur de Santa María de Nogueira de Miño
En Camino

Nogueira de Miño

Comentarios