A exministra de Emprego e Seguridade Social Fátima Báñez deixa a política e márchase á empresa privada. A pesar de que non irá nas listas do PP ás eleccións xerais, trasladou ao líder do PP, Pablo Casado, a súa intención de axudar á formación en campaña, informaron a Europa Press fontes do partido. De feito, este mesmo venres Báñez asistiu á reunión do Comité Executivo Nacional do PP andaluz que se celebrou en Sevilla, onde Casado puxo en valor a súa xestión á fronte do Ministerio de Emprego.
A propia Báñez confirmou a súa marcha na súa conta de Twitter: "Comuniquei ao presidente do PP e do PP andaluz a miña decisión de iniciar unha nova etapa no ámbito privado. Traballei estes anos coa máxima entrega por España e polo PP. Onde estea, seguirei sumando co mesmo compromiso. Grazas Huelva, grazas España", asegurou.
Báñez, que nas últimas lexislaturas encabezou a lista do PP por Huelva, afirmou ademais que "sempre estará agradecida" aos seus compañeiros, especialmente aos do PP desta circunscrición pola súa confianza. "E sempre con Huelva, a miña provincia, no corazón", proclamou.
A exministra comunicou "hai tempo" a Pablo Casado a súa vontade de deixar a política, pero ao mesmo tempo mostroulle a súa disposición a axudar ao PP na campaña electoral, indicaron a Europa Press fontes da dirección nacional.
RAJOY. Bañez foi unha ministra moi próxima á exvicepresidenta do Goberno Soraya Sáenz de Santamaría, quen anunciou en xullo que sería a secretaria xeral do PP se ela gañaba o congreso extraordinario do PP, no que finalmente se impuxo Pablo Casado. O novo líder do partido apostou pola súa integración e designouna hai uns meses presidenta da Comisión de Exteriores do Congreso.
A saída de Báñez súmase á doutros exministros do PP próximos a Sáenz de Santamaría, como Iñigo Méndez de Vigo (que anunciou a súa marcha hai uns días) ou o extitular de Enerxía, Álvaro Nadal, que tamén prevé incorporarse á oficina económica e comercial de España en Reino Unido, con sede en Londres.