Falece aos 90 anos o extesoureiro do PP Álvaro Lapuerta

Padecía demencia, motivo polo que foron arquivadas as actuacións contra el no marco do caso Gürtel

Álvaro Lapuerta. EP
photo_camera Álvaro Lapuerta. EP

O extesoureiro do Partido Popular entre 1993 e 2008 Álvaro Lapuerta faleceu este sábado aos 90 anos, segundo confirmaron a Efe fontes do PP. Lapuerta, que padecía demencia, motivo polo que foron arquivadas as actuacións contra el no marco do caso Gürtel, tivera problemas de saúde nos últimos anos. Na primavera de 2013 permaneceu varias semanas en estado de coma por mor de sufrir dúas caídas, e en 2015 sufriu unha anxina de peito.

A Executiva do PP nomeou a Álvaro Lapuerta tesoureiro nacional do PP en 1993 a proposta do entón presidente José María Aznar. O cargo estaba vacante desde 1990, cando a consecuencia do caso Naseiro, o seu titular, Rosendo Naseiro, o abandonou. Ocupou o cargo ata xuño de 2008, cando foi substituído por Luis Bárcenas.

Imputado no caso da suposta contabilidade B do PP, en setembro de 2016 a sección segunda do Penal da Audiencia Nacional decidiu que Lapuerta non sentase no banco dos acusados no xuízo do caso Gürtel ao arquivar as actuacións en relación ao extesoureiro atendendo á súa situación de demencia sobrevinda.

Tres anos antes, Lapuerta declarara ante a Fiscalía Anticorrupción que nunca existiu unha caixa B no partido e que tampouco viu os papeis manuscritos atribuídos a Bárcenas que reflectirían estas supostas contas opacas.

Un mes despois desta declaración foi citado a declarar como imputado polo xuíz da Audiencia Nacional Pablo Ruz, ante quen se ratificou. Ruz pediu para el 3 anos de cárcere polo suposto delito de apropiación indebida, finalmente arquivado.

Nacido en Madrid o 22 de setembro de 1927, Lapuerta cursou Dereito na Universidade Central de Madrid, foi avogado do Estado e exerceu a avogacía en Xirona, Teruel e Guadalaxara.

Destinado a Madrid, foi secretario do Tribunal Económico Administrativo Central, xefe da Asesoría Xurídica da Dirección Xeral de Seguridade e delegado especial do Ministerio de Facenda ante os Ministerios de Gobernación e Traballo.

Na década dos setenta foi presidente da Comisión de Obras Públicas das Cortes Españolas e vicepresidente da Comisión de Orzamentos. Resultou elixido deputado nas xerais de outubro de 1982, e foi reelixido 1986, 1989, 1993, 1996 e 2000.

Comentarios