A Generalitat ordena o peche de discotecas e salas de festa de toda Cataluña

Estas medidas especiais de contención aplicaranse coa finalidade de conter a transmisión do virus
Interior de una discoteca. EFE
photo_camera Interior dunha discoteca. EFE

A Generalitat ordenou o peche ao público de discotecas, salas de baile e salas de festas con espectáculo en toda Cataluña para tratar de frear a transmisión do coronavirus.


Tamén quedan suspendidas en toda Cataluña as actividades musicais con pistas de baile ou espazos habilitados fóra dos establecementos e obrígase a pechar ás doce da noite os salóns de xogo, casinos e salas de bingo.

Ademais, nos municipios onde se detectaron maior número de contaxios de COVID-19 nos últimos días e onde xa rexen medidas restritivas para conter os brotes de coronavirus establécense tamén o horario de peche a medianoite de restaurantes, bares, terrazas, chiringuitos e bares musicais.

Entre estes municipios atópanse Barcelona e a súa área metropolitana, numerosas localidades leridanas e algunhas de Girona como Figueres. 

O prazo de duración das medidas establécese en 15 días e esta resolución entrará en vigor sábado 25 de xullo. 

O Plan Territorial de Protección Civil de Cataluña (Procicat) sinalou nun comunicado que a situación epidemiolóxica no conxunto de Cataluña "obrigou a adoptar" estas medidas "especiais de contención" para frear a transmisión do virus da covid-19.

Tamén informou de que continúan vixentes as restricións actualmente establecidas polos municipios de Lleida, Alcarràs, Aitona, la Granja de Escarp, Serós, Soses e Torres de Segre.

Os concellos dos municipios afectados e a administración da Generalitat serán os encargados das funcións de vixilancia, inspección e control das medidas establecidas e o seu incumprimento será obxecto de réxime sancionador, advirte o Procicat

Comentarios