O Goberno estuda ampliar a baixa de paternidade dos funcionarios ata os 4 meses 

Apóstase por fixar un "prazo efectivo e inaprazable" para igualar os permisos de nais e pais

Pedro Sánchez. ZIPI (EFE)
photo_camera Pedro Sánchez. ZIPI (EFE)

O Ministerio de Facenda ofreceu a Podemos ampliar a baixa de paternidade dos funcionarios gradualmente ata os 4 meses en 2021, segundo unha información adiantada este mércores polo Confidencial e confirmada a Europa Press por fontes da formación morada. 

Segundo o diario dixital, este acordo estaría recollido no documento "Contribución ao cambio social desde a política orzamentaria" que Facenda enviou este luns aos negociadores de Unidos Podemos, con quen busca pactar a senda de estabilidade. 

No escrito, apóstase por fixar un "prazo efectivo e inaprazable" para igualar os permisos de maternidade e paternidade dos empregados públicos da seguinte forma: en 2019 serían oito semanas; en 2020 subirían a 11 semanas, e en 2021 chegarían a 16 semanas. 

Desde a formación morada, aseguran que este obxectivo "non é a proposta de Unidos Podemos" e que non se tratou na reunión que mantiveron este mércores a ministra de Facenda, María Jesús Montero, e representantes de Podemos. 

Iso si, desde a formación apuntan a que a súa "idea é permisos para todos" e que, ademais, o PSOE "comprometeuse a iso" na votación da proposición de lei que o grupo parlamentario presentou no Congreso dos Deputados. 

Dita lei defendía permisos de maternidade e paternidade igualitarios, intransferibles e remunerados ao 100 por cen. Aínda que foi vetada dúas veces polo Goberno de Mariano Rajoy, saíu finalmente aprobada tras virar o voto dos 'populares'.

Comentarios