Só o 7,6% de afiliados do Partido Popular se inscribe para elixir ao sucesor de Rajoy

Algúns dos candidatos pediron que se cambien as normas e os prazos deste proceso

Sáenz de Santamaría, Casado, Cospedal, García Margallo, García Hernández, Bayo y Cabanes. EP
photo_camera Os candidatos a presidir o PP. EP

Só 66.384 dos 860.535 afiliados que di ter o PP, se inscribiron para participar na elección do sucesor de Mariano Rajoy, unha porcentaxe moi baixa (7,6%) que abriu o debate entre candidatos, algúns dos cales pediron incluso que se cambien as normas e os prazos deste proceso.

Neste momento inédito para o partido, que nunca elixiu ao seu líder nacional coa participación directa dos afiliados, as candidaturas de María Dolores de Cospedal e Soraya Saénz de Santamaría foron as defensoras de que se cumpran as normas -aprobadas no último congreso- e os prazos marcados, incluído o de inscrición, que se pechou onte.

Pero desde as demais candidaturas, entre elas a de Pablo Casado, suxeriuse que son Cospedal e Sáenz de Santamaría as beneficiadas desta baixa participación, porque son elas, unha como secretaria xeral e a outra como membro do anterior Goberno de Rajoy, as que teñen unha maior vinculación cos aparellos territoriais.

O PP facilitou este martes os datos provisionais de inscritos, que non serán definitivos ata o día 28, pero que xa mostran unha porcentaxe moi baixa de participación, inferior incluso á rexistrada nos congresos rexionais, que foi do 8,6 por cento no seu conxunto.

A portavoz da candidatura de María Dolores de Cospedal, Dolors Montserrat, dixo que son "moitísimos" os afiliados que van participar neste proceso e mostrouse en contra de que se amplíe o prazo para apuntarse porque non se poden cambiar as normas a metade do partido".

"As normas están para cumprilas", dixo Montserrat, quen admitiu que os prazos foron curtos pero dixo que iso non resta lexitimidade aos 66.384 militantes que en tan pouco tempo acudiron ás sedes a inscribirse, e reprochou aos candidatos que estaban na dirección que agora cuestionen o procedemento.

Tamén na candidatura de Soraya Sáenz de Santamaría están conformes co censo aínda que admiten que o prazo foi curto para a inscrición, pero as fontes consultadas non consideran que sexa desdeñable a cifra de inscritos, que representa en calquera caso aos afiliados comprometidos e activos do partido.

Non o ven así desde o equipo de Pablo Casado. Fontes da súa candidatura recordan que os inscritos supoñen só o dobre de cargos públicos do partido en toda España, polo que ven a cifra moi pegada ao aparello e a súa contorna, e cren que iso beneficia sobre todo a Cospedal e Santamaría.

En declaracións no Congreso, Casado admitiu que a cifra de participación é "malísima" e considerou que a inscrición previa "dificulta a participación", ademais de avanzar que a súa candidatura presentará un escrito á Comisión Organizadora pedindo unha "reflexión" respecto diso.

Segundo Casado, este modelo fai que voten os "máis próximos á organigrama", que son tamén os "máis vulnerables ás presións" que di que se están facendo desde algunhas candidaturas.

Xa antes de coñecerse o dato provisional de participación, José Ramón García-Hernández presentou un escrito ante a Comisión Organizadora do Congreso reclamando que todos os militantes que están á corrente de pago, e non só os inscritos, poidan votar.

Para este candidato, o PP está "a bordear o ridículo" se só deixa votar tan poucos militantes, e recriminou á comisión organizadora que limite o sufraxio activo".

Na dirección do PP recordan non obstante que os propios estatutos do partido xa obrigan á inscrición previa dos afiliados para participar neste tipo de procesos e por iso reprochan aos candidatos que pretenden pór agora en dúbida as normas vixentes.

O coordinador xeral do partido, Fernando Martínez-Maíllo, dixo neste sentido non entender a reclamación de García-Hernández.

Maíllo tamén xustificou a baixa participación no feito de que este é un proceso ao que os militantes non están afeitos, cun sistema "inédito" para eles.

Pero defendeu que en conxunto todo o proceso que está a facer o partido para elixir ao seu próximo líder está a ser "exemplar" e non apreciou "grandes anomalías" salvo "algunha cuestión puntual".

E houbo incluso quen restou importancia a esta baixa porcentaxe, como fixo Rafael Hernando.

Segundo o portavoz 'popular' no Congreso, os militantes non cren que o PP corra perigo e por iso non se sentiron "estimulados para salvalo" nin "soliviantados", como ocorreu na súa opinión en primarias como as do PSOE, para elixir a un novo líder.

Comentarios