Os 42 municipios galegos sen banco terán caixeiro a principios de 2020

A Fegamp aposta por ir "máis aló" e impulsar oficinas físicas con atención periódica en función do tamaño do concello
Valeriano Martínez, reunirase co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfredo García, para abordar o proxecto de universalización das prestacións financeiras en Galicia.
photo_camera Valeriano Martínez e Alfredo García, na súa reunión deste venres. PEPE FERRÍN (AGN)

O Goberno galego estima que os 42 municipios onde non existen sucursais bancarias poderán ter funcionando caixeiros entre finais de 2019 e principios de 2020 para solucionar a situación dos 52.000 habitantes afectados. 

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, reuníronse este venres para abordar o proxecto de servizos financeiros. Ao termo do encontro, García apostou por que as medidas para evitar a exclusión financeira de habitantes sobre todo de zonas rurais vaian "máis aló", para ofrecer unha atención presencial nos concellos para resolver trámites financeiros que, sobre todo os máis maiores, "non poden solucionar" a través dos caixeiros ou das aplicacións bancarias móbiles. 

Neste sentido, o máximo representante da Fegamp avogou por que se habilite unha oficina física á que se desprace un empregado da entidade "cunha cadencia que dependa do tamaño do concello".

Algunhas entidades bancarias "xa se puxeron en contacto" coa Xunta

Pola súa banda, Valeriano Martínez sinalou que coa instalación dos caixeiros darase solución a trámites "diarios" como a retirada de efectivo, a actualización de cartillas e operacións bancarias que moitas persoas teñen que realizar nos municipios veciños porque non contan con servizos financeiros nas súas localidades.

PRAZOS. En canto aos prazos do plan, o presidente da Fegamp especificou que primeiro toca reunirse cos concellos para que tomen a decisión de acollerse a el e, unha vez feito isto, en setembro formalizarase por escrito a actuación. 

Valeriano Martínez engadiu que o proxecto se acometerá "canto antes", polo que en outubro a Xunta prevé realizar a licitación e dispoñer de todos os caixeiros entre finais deste ano e principios do próximo. A financiamento contará cunha achega "moi maioritaria" da Xunta, pero "non exclusiva", segundo o conselleiro. 

Algunhas entidades bancarias "xa se puxeron en contacto" coa Xunta e presentaranse a un "concurso público" para facerse coas adxudicacións dos servizos financeiros. 

Comentarios