A reacción da oposición galega ás sondaxes de intención de voto

En Marea celebra que se consolide "como alternativa" ao PP mentres PSdeG e BNG restan importancia ás enquisas

O Parlamento de Galicia, durante un pleno. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera O Parlamento de Galicia, durante un pleno. PEPE FERRÍN (AGN)

O portavoz de En Marea, Luís Villares, considerou este luns que as enquisas de intención de voto publicadas durante a fin de semana demostran que En Marea, que se mantería como segunda forza en Galicia, "consolida a súa posición como alternativa política ao PP".

En rolda de prensa, Villares sostivo que as sondaxes reflicten "con números" o estado de opinión "que se ve nas rúas", mediante as mobilizacións nas que día a día se aprecia que "a xente non se resigna ao mal goberno do PP".

"Aínda que hai que andar sempre con prudencia, en todo caso manifesta a tendencia que se ve na rúa", coa manifestación do 8 de marzo, dos traballadores de Xustiza ou en defensa da sanidade pública, dixo. "Temos unha cidadanía que aprecia o ben común" e que o PP "desmonta", afirmou Villares.

PSOE E BNG RÉSTANLLES IMPORTANCIA. Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, analiza que todo apunta a unha "urxencia de Cidadáns como unha forza política que está a disputar ao PP a hexemonía da dereita".

Esta é a principal conclusión que Leiceaga saca dunhas enquisas ás que non quixo dar excesiva credibilidade, posto que "queda algo máis dun ano" para os próximos comicios, as municipais de 2019, unhas eleccións apenas analizadas nas sondaxes e que contan cun "compoñente territorial moi claro", dixo.

Neste sentido, o portavoz socialista manifestou que é "normal" que electorados "menos mobilizados", como o do PSdeG, "teñan un menor reflexo nas sondaxes" que non se corresponde co comportamento que terían en fase electoral. 

Tamén a viceportavoz parlamentaria do BNG Olalla Rodil restou importancia a esas sondaxes: "A enquisa que vale é a das eleccións".

"As enquisas hai que analizalas como o que son, tendencias", incidiu en rolda de prensa a viceportavoz do grupo nacionalista que recordou que en Galicia "quedou demostrado" que este tipo de sondaxes "non sempre acertan ou non prognostican o que vai suceder".

As enquisas publicadas co marco dunhas eleccións xerais reflicten unha mellora na intención de voto no BNG que, con todo, non lle permitiría recuperar a súa representación no Congreso. Con todo, Rodil sostivo que no BNG opinan que existe unha "situación boa" e está "a recuperar apoios", polo que optan por seguir "traballando día a día dentro e fóra das institucións".