Abel Caballero, o alcalde mellor pagado de Galicia

Séguenlle os rexedores de Pontevedra e Lugo, con 71.729 e 67.025 euros ao ano respectivamente

Abel Caballero. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Abel Caballero. XOÁN REI (EFE)

O alcalde de Vigo, Abel Caballero (PSOE), sitúase co salario máis alto de entre as cidades galegas en 2017, ao percibir un total de 74.018,18 euros o pasado ano. O segundo rexedor mellor pagado en 2017 das sete principais foi o de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), con 71.729,90 euros.  

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez (PSOE), cobrou o terceiro soldo máis elevado entre os rexedores galegos, cun salario de 67.025 euros ao ano. Finalmente, o rexedor da capital galega, Martiño Noriega, cobrou 50.999,90 euros en 2017 e o da Coruña, Xulio Ferreiro, 39.999. 

Os soldos de Jesús Vázquez e Jorge Suárez non aparecen no informe, aínda que os datos  oficiais consultados mostran que o ourensán percibiu 64.431 euros e o de Ferrol, 40.000. En total, 43 municipios galegos —dos 313 concellos que hai en Galicia— non enviaron os datos ao ministerio. 

Os alcaldes doutras das localidades con maior peso poboacional en Galicia tamén superan os 40.000 euros. Así, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro (Terra Galega), cobrou 50.821,17; mentres que o de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela (PSOE), percibiu 41.142,84 euros.

DEPUTACIÓNS PROVINCIAIS. Na relación de datos publicados, tamén se atopan a das deputacións provinciais. Así, a titular da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva (PSOE), sitúase á cabeza cun salario de 73.032,26 euros; seguida de Ourense, Manuel Baltar Branco (PP), con 72.325,26 euros. 

Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso (PSOE), e de Lugo, Darío Campos (PSOE), perciben 64.778,84 horas. 

Comentarios