Absolto o octoxenario 'raiacoches' de Vigo pola "súa vulnerabilidade psíquica"

Acudiu ao xulgado por unha das causas que ten abertas por danar un milleiro de coches 

El anciano que raya coches en Vigo. TELECINCO
photo_camera O ancián que raia coches en Vigo. TELECINCO

O octoxenario acusado de raiar decenas de coches no barrio do Calvario foi absolto nunha das causas que tiña abertas ao aplicárselle a eximente de responsabilidade penal pola "súa vulnerabilidade psíquica". Con todo, deberá cumprir dous anos de internamento e facer fronte a 5.000 euros en concepto de responsabilidade civil polos danos causados.

En concreto, o octoxenario raiacoches, como xa é coñecido, acudiu ao xulgado do Penal 1 de Vigo para responder os danos a unha ducia de coches presuntamente causados por el mesmo valéndose dunha navalla en marzo de 2017. 

Hai uns días, a súa avogada xa aludía a un informe forense realizado ao seu cliente que apuntaba a unha situación de "vulnerabilidade psíquica" e "posible demencia e trastorno de base depresivo e de personalidade". O octoxenario, que foi detido en febreiro por non acudir a unha requisitoria do xulgado por unha das súas causas pendentes, reside desde entón nunha residencia de Tui.

Vecinos das zonas do Calvario e A Doblada viñan denunciando desde hai tempo, e con maior intensidade a comezos de ano, as andanzas deste home, ao que a Policía relaciona con máis dun milleiro de incidentes. Tanto é así que ademais de raiar os coches e sabotear as fechaduras, tanto de vehículos como de portais de edificios da zona, tamén protagonizou episodios violentos cando o sorprenderon en plena faena. Os veciños chegaron a colocar carteis de "búscase" coa súa imaxe.