Acepta seis anos de cárcere por intentar incendiar un edificio en Vigo

Amontoou panos, teas e outros obxectos no chan da cociña da súa vivenda e prendeulles lume antes de saír de casa
Sección quinta da Audiencia de Pontevedra, con sede en Vigo. GOOGLE MAPS
photo_camera Sección quinta da Audiencia de Pontevedra, con sede en Vigo. GOOGLE MAPS

Unha muller que tratou de incendiar un edificio no centro de Vigo aceptou unha pena de seis anos de cárcere máis sendas indemnizacións a dúas aseguradoras e a un veciño que suman preto de 50.000 euros. O avogado de Ligia B.S., o fiscal, que pedía para ela inicialmente dez anos de cárcere, e as acusacións particulares exercidas polas aseguradoras Axa e Liberty chegaron a un acordo de conformidade previo ao xuízo na sección quinta da Audiencia de Pontevedra.

Na gradación da condena tívose en conta a circunstancia agravante moi cualificada de intoxicación.

Ligia B.S., que admitiu os feitos polos que se lle acusa, leva en prisión provisional desde xuño de 2018, tempo que se lle descontará dos seis anos aos que foi condenada. Deberá indemnizar con 21.798,95 euros á aseguradora Axa polos danos causados nas zonas comúns do edificio, con 25.601,53 a Liberty polos que produciu o incendio que ela provocou na súa vivenda, na que estaba de aluguer, con 1.084 euros a un veciño e con 38 euros por un servizo de limpeza.

O lume obrigou a mobilizar os bombeiros e á Policía Local e a desaloxar a cinco persoas do edificio, unha delas menor

Os feitos que se xulgan tiveron lugar ao fío das sete da mañá do 14 de xuño do ano pasado, momento no que, segundo se recolle no escrito de acusación, Lida B.S amontoou panos, teas e outros obxectos no chan da cociña da súa vivenda e prendeulles lume antes de saír de casa e deixar a porta aberta. O lume obrigou a mobilizar os bombeiros e á Policía Local e a desaloxar a cinco persoas do edificio, unha delas menor de idade.

Ademais, causou importantes danos na vivenda que tiña alugada a acusada e nas adxacentes, á parte de encher de fume tóxico boa parte do edificio. Segundo a Fiscalía, a acusada tivo o propósito de causar un gran dano na propiedade allea e, aínda que estaba baixo os efectos do alcol, era coñecedora de que ocasionaba unha situación de risco para os veciños que nese momento estaban nas súas vivendas.