Afundación devolverá o diñeiro das entradas do Maestral

Desmonte das infraestruturas do Maestral Music Festival. RAFA FARIÑA
O organizador do festival de Sanxenxo non ingresou as cantidades necesarias para facer fronte ao reembolso do importe

Afundación de Abanca, como entidade titular da plataforma de venda de localidades Ataquilla.com anticipará a totalidade dos importes necesarios para que as persoas afectadas pola cancelación do Maestral Music Festival poidan recuperar o seu diñeiro.

Segundo informou este xoves, Afundación adoptou esta decisión despois de que o organizador do festival, Get Up Comunicación, S.L., non ingresase no prazo establecido as cantidades necesarias para facer fronte ao reembolso do importe total das entradas, tal e como anunciara no seu comunicado de cancelación.

Así pois, unha vez anticipado o diñeiro, será Afundación quen se encargue de reclamarllo ao organizador.

FRACASOO Maestral, que se anunciou como o gran evento do verán con 20 días consecutivos de concertos, entre o 3 e o 23 de agosto, viuse obrigado cancelar un total de 15 eventos, dous deles gratuítos, a causa do forte temporal e os ventos que sacudiron as Rías Baixas.

En consecuencia, preto de 6.000 espectadores que adquirira as súas localidades víronse afectados.

Segundo Afundación, o proceso de devolución iniciarase hoxe mesmo e está previsto que finalice nun prazo máximo de 10 días hábiles.

O importe das entradas será abonado aos compradores a través do mesmo medio de pago empregado para a compra.

As persoas afectadas poden dirixirse a Ataquilla, ante calquera dúbida ou incidencia, a través do mail ataquilla@afundacion.org ou no teléfono 902 504 500.