Afúndese outro tramo do paseo das Avenidas de Vigo

É o mesmo que se derrubou en agosto no accidente do Marisquiño

Paseo das Avenidas de Vigo. TVG
photo_camera Paseo das Avenidas de Vigo. TVG

Vigo reviviu nove meses despois as pantasmas dunha das súas noites máis negras. O paseo de táboas das Avenidas, escenario do accidente do Marisquiño o pasado 13 de agosto, sufriu un novo esborralle na tarde deste martes. Esta vez non hai que lamentar feridos porque non había ninguén sobre a pasarela: leva precintada por orde xudicial desde o sinistro no festival.

Con todo, os transeúntes que se atopaban nas inmediacións, que eran moitos debido ao bo tempo e a tratarse dunha zona de terrazas, levaron un bo susto co derrube, que segundo varios testemuños causou un estrondo audible desde diversos puntos da cidade. A parte do paseo que cedeu é anexa á focha que deixou O Marisquiño, polo que todo apunta a que sufría unha gran deterioración que fixo que acabase por virse abaixo aínda sen soportar peso algún —a diferenza do que ocorreu coa área afectada no Marisquiño—. De todos os xeitos, tampouco no accidente acaecido no verán durante a actuación do trapero Rels B foi decisivo o peso dos asistentes, segundo concluíron os peritos nun informe publicado hai dez días.

CONCELLO E PORTO. Este novo episodio pode desenterrar a machada de guerra entre Concello e Autoridade Portuaria, que seguen culpándose mutuamente do Marisquiño. Este martes o presidente do ente marítimo declarou á TVG que "o paseo está máis deteriorado do que pensamos" e chamou a esperar "ao que decida a Xustiza" para coñecer quen debe pagar o arranxo. En tres meses volve celebrarse o festival nunha zona moi próxima.

Comentarios