O alcalde de Fene deixa o PP tras triplicar a taxa de alcoholemia, pero segue como rexedor

Os grupos da oposición analizarán este martes a situación política na localidade
Gumersindo Galego, alcalde de Fene
photo_camera Gumersindo Galego, alcalde de Fene

O alcalde de Fene, Gumersindo Galego, anunciou este martes a súa renuncia á militancia no PP tras ser condenado o 12 de novembro a 244 días de retirada do carné de conducir e 600 euros de multa ao triplicar a taxa de alcoholemia nun control no municipio. Con todo, confirmou a Efe que prevé manterse como rexedor nun Goberno que lidera en solitario e en minoría a súa formación.

Ante esta noticia, os grupos da oposición destacaron que analizarán este martes a situación política na localidade.

Galego foi interceptado tras abandonar a sede da súa agrupación na xornada de eleccións xerais do pasado 10 de novembro, na que admite que inxeriu "algo" tras concluír o percorrido polos colexios feneses. Así, mostrouse "arrepentido e apesadumbrado" por este feito, que tachou de algo "imprevisto" e sobre o cal apostilou que viaxaba en vehículo coa súa esposa. 

O PP goberna en solitario como forza máis votada desde os comicios locais de maio de 2019

O alcalde de Fene informou que pediu a baixa no PP con data do pasado 18 de novembro e apuntou que "a Alcaldía se mantén". "Así o hei de facer, os meus actos non deben prexudicar o partido", declarou o rexedor fenés, que observou que se debe "aos máis de 2.400 veciños" que o elixiron. 

Segundo o fallo do xuízo rápido ao que acudiu dous días despois do incidente, rexistrou un dato de 0,80 miligramos, o triplo da taxa permitida. Os grupos da oposición, tanto BNG como PSOE e Esquerda Unida, condenaron a actitude do alcalde e pediron a súa dimisión.

En declaracións a Efe, a portavoz do PSOE, Mar Piñeiro, confesou que articular unha moción de censura "é unha opción", aínda que evitou concretar esta posibilidade. O PP goberna en solitario como forza máis votada desde os comicios locais de maio de 2019, pero ten unicamente 6 escanos, tantos como o BNG. Mentres, o PSOE, que eludiu apoiar ao BNG na investidura do 15 de xuño pasado por falta de acordo entre partidos, ten 4 concelleiros e Esquerda Unida o restante.

Comentarios