Animalistas denuncian o abandono de 12.000 animais en seis meses en Galicia

A compra irregular de animais por Internet e o final da tempada de caza son dous factores que teñen que ver co fenómeno do abandono
Imaxe de arquivo dun can. PIXABAY
photo_camera Un can de raza beagle. PIXABAY

A asociación animalista Libera! e a fundación Franz Weber emitiron este sábado un comunicado conxunto no que denuncian o abandono de máis de 12.000 animais nos seis primeiros meses do ano en Galicia. 

Este é o resultado dun estudo elaborado por ambas as organizacións en base ás entradas publicadas en redes sociais respecto de seres vivos atopados, rescatados ou deixados á súa sorte e que reflicte un incremento desta circunstancia respecto de anos anteriores. 

Tal e como expoñen as dúas entidades, os estudos levados a cabo polo Estado “non cobren a totalidade da problemática”, dado que non se atende á difusión en redes sociais, que é seguida por miles de persoas. 

O ano pasado desapareceron en Galicia ao redor de 22.000 animais, na súa maioría cans e gatos, aínda que se detectou un crecemento doutro tipo de mascotas como coellos ou cobaias, así como especies exóticas cuxa adopción posterior é máis complicada porque son “menos atractivos” para o público. 

A compra irregular de animais por Internet e o final da tempada de caza son dous factores –apuntan desde as asociacións– que teñen que ver co fenómeno do abandono. 

Así pois, piden á Xunta, ás deputacións e aos concellos que somen forzas “para pór coto a esta secuela”, dado que entenden que “é urxente” aplicar “políticas de prevención e sensibilización sobre o respecto cara aos animais”. 

Algunha destas iniciativas será levada ao Parlamento galego, onde –entre outros puntos– pedirán que a CRTVG produza contidos audiovisuais sobre a concienciación con estas causas, aproveitando a súa capacidade para chegar a miles de persoas. 

Comentarios