Aprazado o desaloxo dunha nai e os seus catro fillos previsto para este venres en Ferrol

A concentración sde protesta quedou cancelada tras coñecerse a suspensión

O desafiuzamento previsto para este venres no barrio ferrolán de Telleiras, que afectaría a unha muller e os seus catro fillos, quedou aprazado "ata que se resolva unha alternativa residencial" para a familia, dous de cuxos membros son menores de idade. Un dos integrantes do Foro Social de Ferrolterra, Ignacio Martínez, confirmou o adiamento "á espera de recibir comunicación de Concello ou Xunta".

O Servizo Común de Actos de Comunicación e Execución trasladou esta información aos colectivos, que alertaron de que "como non sexan máis celosos o tempo non vai chegar para solucionar o asunto". Así, Martínez recordou que o convenio para impedir lanzamentos contempla "só dez días" de prazo; por agora, o Foro Social de Ferrolterra desconvocou a concentración prevista para este venres, "aínda que imos estar presentes na comunicación" do adiamento.

OUTRO CASO. A plataforma anunciou, ademais, que este próximo luns celebrarase un xuízo por desafiuzamento no xulgado de instrución número 5 de Ferrol, con inicio ás 13.30 horas. O caso xustifícase "por falta de pago do aluguer" por parte dunha familia con escasos recursos económicos e composta por sete membros, "cinco menores, de 10, 8, 7, 6 e 2 anos de idade".

Concretamente, os seus proxenitores son "unha parella nova, de 29 e 30 anos, con circunstancias familiares, de vida e infancia moi difíciles", aseverou Ignacio Martínez. "Son traballadores en desemprego, totalmente integrados e arraigados", considerou, advertindo da súa condición de "empobrecidos".

O Foro Social de Ferrolterra abordou este asunto no día coa concelleira de Benestar Social de Ferrol, Saínza Ruiz, "que se comprometeu a xestionar unha solución".

Comentarios