A área sanitaria de Vigo provoca repicaduras de velutina a pacientes con alerxia

Segundo Luís Areas, alergólogo e coordinador do proxecto, é o método "máis fiable" para valorar a eficacia da vacina 
Un nido de velutina. AEP
photo_camera Un nido de velutina. AEP

A área sanitaria de Vigo realizou as primeiras repicaduras intrahospitalarias de avispa asiática en todo o mundo a varios pacientes alérxicos para comprobar a eficacia da vacina, informaron fontes do Servizo Galego de Saúde.

O alergólogo e coordinador deste proxecto, Luís Areas, explica que ata a data non estaba descrita na literatura científica a repicadura con este tipo de avispas, e que este método "é o máis fiable" para valorar a eficacia dunha vacina e que esta proporcione ao paciente unha protección adecuada.

Os insectos utilizados para as repicaduras son proporcionados por pacientes apicultores ou capturados polo propio doutor Areas ou algún colaborador, como a bióloga Sandra Vermellas.

Tras ser preparados, colócanse sobre o antebrazo do paciente para que fagan unha picadura e inoculen o seu veleno na pel.

En todo o procedemento, o paciente está monitorizado e con control médico, e cando finaliza, permanece varias horas en observación para estudar a súa evolución clínica e as posibles reaccións adversas.

Polo momento sometéronse a esta técnica 14 pacientes da área sanitaria viguesa, fundamentalmente apicultores e profesionais de elevado risco polo seu alto grao de exposición a himenópteros, como desbrozadores ou traballadores do campo.

A área sanitaria de Vigo tamén puxo en marcha un servizo de identificación de himenópteros para toda Galicia, cuxo obxectivo é que pacientes e familiares atrapen ao insecto que lles picou e ocasionou a reacción alérxica, ou outro exemplar do mesmo niño, para poder identificalo correctamente e favorecer un diagnóstico exacto.

Comentarios