Auxilian unha veciña de Vigo que estaba inconsciente por un shock hipoglucémico 

Para poder atender a vítima, os axentes entraron na súa vivenda rompendo o cristal dunha fiestra

Gran Vía de Vigo. GOOGLE MAPS
photo_camera Gran Vía de Vigo. GOOGLE MAPS

A Policía Local de Vigo auxiliou unha veciña da cidade que se atopaba desmaiada no seu domicilio, debido a un shock hipoglucémico, e tras recibir o aviso dun familiar que non lograba contactar con ela. 

Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na tarde do domingo, cando un home chamou á Policía alarmado porque non lograba porse en contacto coa súa irmá, e tampouco tiña chaves do domicilio dela, na Gran Vía. 

O home relatou que a súa irmá non respondía ás súas chamadas de teléfono nin ao timbre da propia vivenda e, ademais, o servizo de teleasistencia que ela ten advertíralle de que a súa pulseira de control activara a alarma por ausencia de actividade corporal. 

Ante o risco de que puidese ocorrerlle algo grave, os axentes entraron na vivenda rompendo o cristal dunha fiestra e atopáronse á muller, de 57 anos de idade, tendida nunha cama, en estado insconsciente. 

Os servizos sanitarios de urxencia tratárona no lugar, e determinaron que padecera un shock hipoglucémico debido á súa diabete e, tras estabilizala, non foi necesario trasladala a ningún centro médico.