A borrasca Miguel deixa ventos de máis de 130 km/h e un regueiro de incidencias

Houbo varios voos desviados de Vigo a Santiago

Peregrinos sorprendidos por la lluvia en Santiago. LAVANDEIRA JR
photo_camera Peregrinos sorprendidos pola choiva en Santiago. LAVANDEIRA JR

A borrasca Miguel irrompeu este xoves con forza no noroeste peninsular, con ondas que superaron os 6-7 metros de altura e refachos de vento tempestuoso de ata 136,4 quilómetros por hora en Galicia, como o que se rexistrou en Carballeda de Valdeorras.

O 112 rexistrou 250 incidencias, ningunha delas de gravidade e houbo dous voos desviados ao aeroporto de Santiago de Compostela desde Vigo.

Galicia, que estaba en alerta laranxa, sufriu refachos de vento de máis de 100 quilómetros por hora en diversos puntos como Cuntis (125), Cedeira (122), Viveiro (132,4) ou Estaca de Bares (108). En Santa Comba produciuse a maior acumulación de choiva, con 75,6 litros por metro cadrado.

INCIDENCIAS. A maioría das incidencias estiveron motivadas pola caída de árbores e ramas, obxectos que se desprazaron á vía e actuacións preventivas dos servizos de emerxencias, segundo informa Emerxencias 112.

Case a metade rexistráronse na provincia de Pontevedra e foi en Vigo, Vilagarcía, Sanxenxo e Cangas onde máis intervencións se produciron.

A provincia da Coruña tamén contabilizou un gran número de incidentes, sobre todo na circulación en Ribeira, Muros e Outes, á parte dalgunha intervención sen maiores consecuencias na costa debido ao vento e a acción do mar, que provocou o envorco e o desamarre dalgunha embarcación en Cangas e Muros.

Comentarios