Buscan a dúas persoas desaparecidas na Coruña e Ferrol

O home, de 63 anos, e a muller, de 57, faltan dos seus domicilios desde este domingo

Ramón Rieiro Couto, desaparecido en A Coruña. TWITTER
photo_camera Ramón Rieiro Couto, desaparecido na Coruña. TWITTER

A Policía Local da Coruña solicitou a colaboración cidadá, a través das redes sociais, para localizar un home desaparecido nesta cidade. 

Segundo informa na súa conta de Twitter, trátase de Ramón Rieiro Couto, de 63 anos, e do que non se teñen noticias desde o domingo, día 10. 

Ademais, sobre os trazos físicos do desaparecido, precisa que se trata dun home que mide 1,55 de estatura, de complexión delgada, pelo curto e canoso, con nariz grande. 


Na zona de Doniños, efectivos de urxencias tratan de localizar unha veciña de Ferrol, de 57 anos e domiciliada no barrio de Caranza, que falta do seu domicilio desde a tarde deste domingo. 

A voz de alarma partiu dun familiar na mañá deste luns, sobre as 10.00 horas, cando comunicou que non tiñan noticias dela desde facía varias horas e que desconfiaban que podería estar na zona de Doniños. Na área de Punta Penencia localizáronse algúns dos seus efectos. 

O dispositivo de procura, indicaron fontes do dispositivo, está integrado por efectivos da Policía Local, Bombeiros de Ferrol, de Casaga cos seus cans de procura, Protección Civil de Ferrol, ademais de axentes da Policía Nacional pertencentes á comisaría de Ferrol-Narón. 

Sobre as 11.30 horas tamén se uniu ao dispositivo o helicóptero Helimer 401 de Salvamento Marítimo, que se desprazou desde A Coruña. Na zona tamén están familiares e amigos que participan nas tarefas de procura. 

Comentarios