Caballero, sobre Feijóo e a polémica das luces de Nadal: "Non contesto aos seus insultos"

O alcalde de Vigo celebra que o nadal da cidade estean "no mapa con sentido do humor"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, dixo este venres que non vai contestar aos "graves insultos" que ao seu xuízo dedicou tras o Consello de Goberno contra a súa persoa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Feijóo afirmou o xoves que "o sentido do ridículo e o alcalde de Vigo son incompatibles" a conta das declaracións de Caballero sobre a iluminación do Nadal nas que deslizou que as luces de Nadal serán mellores que as de Tokio, "Londres e Nova York", entre outras. Tamén dixo que non deixan de sorprenderlle "as cousas que fai determinado personaxe político en Galicia" e que cada día "se pode superar a si mesmo".

Caballero censurou que a forma de Feijóo de dirimir "os seus propios conflitos" sexa "insultar, insultar e insultar", en liña coa "saga" de insultos que lle veñen dedicando desde o PP de Vigo, máxime cando o fai "desde o seu atril de presidente da Xunta". "Non contesto a insultos. Nunca os contestei nin os contestarei", proclamou.

Preguntado polo feito de que o vídeo coas súas declaracións sobre a iluminación do Nadal tivera unha ampla difusión nas redes sociais indicou que "lle encanta" que Vigo "estea no mapa e con sentido do humor". E é que, insistiu, "ao final é certo: imos ter unhas luces de Nadal magníficas. Tivémolas o ano pasado e este ano van ser máis".

Comentarios