Caballero recórdalle por carta a Feijóo os acordos incumpridos con Vigo

O alcalde de Vigo afirma que "nestes momentos o que temos é engano, promesas incumpridas e abandono da cidade de Vigo" por parte da Xunta
Abel Caballero y Alberto Núñez Feijóo, juntos en la presentación de la terminal de autobuses en Vigo.ADP
photo_camera Abel Caballero e Alberto Núñez Feijóo, xuntos na presentación da terminal de autobuses en Vigo.ADP

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, envioulle este luns unha carta a Alberto Nuñez Feijóo, na que lle recorda os acordos incumpridos na pasada lexislatura coa cidade.

"Nestes momentos o que temos é engano, promesas incumpridas e abandono da cidade de Vigo" por parte da Xunta e o seu presidente, dixo Caballero. Así, na misiva, o rexedor vigués insta a Feijóo a que cambie de actitude e tome unha serie de decisións de xeito inmediato, e achégalle un dossier "coas necesidades máis relevantes no ámbito competencial da Xunta de Galicia en Vigo", a maior parte "pendentes desde hai anos".

Sete son as esixencias de Caballero, entre elas que a Xunta retire a candidatura de 'Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia a Patrimonio da Humanidade da Unesco' que, segundo Caballero, só quere prexudicar a candidatura 'Illas Cíes Patrimonio da Humanidade' presentada polo Concello. Caballero esixe tamén que a Xunta derrogue a normativa que obriga a Vigo a pagar o autobús a cidadáns de fóra da cidade, ou aquela que lle impón pagar parte dos centros de día e escolas infantís da administración autonómica. Segundo Caballero, só razóns políticas levaron á Xunta a oporse á instalación de ramplas mecánicas na Gran Vía ou a construción dun pavillón en Matamá, asuntos no que o rexedor quere que a Xunta rectifique. Para rematar, Caballero esixe a retirada do recurso contencioso administrativo contra o Área Metropolitana de Vigo e da decisión de impor ao Concello unha taxa sobre a presa de Eiras.

"Son cuestións", dixo Caballero en rolda de prensa, "que a Xunta ten que resolver de xeito inmediato antes de iniciar calquera diálogo co Concello de Vigo". Segundo Caballero, "a Xunta fai obstaculación política" a Vigo e, ata agora, "as reunións desta cidade con Feijóo só valen para que se faga unha foto, diga que todo vai estupendo e non faga nada do que se acorda con el".

Comentarios