Porro responde á carta de Caballero a Feijóo e reitera o compromiso da Xunta

Corina Porro explicou a postura da Xunta en cada unha das peticións de Caballero, ademáis de reiterar a vontade de diálogo
Corina Porro. AEP
photo_camera Corina Porro. AEP

A delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Corina Porro, reiterou este luns o compromiso polo diálogo do Goberno galego co Concello "polo ben dos vigueses", e cuestionou varias das esixencias de Caballero para iniciar un diálogo co presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo.

Porro expresou nun comunicado o seu desexo de que o anuncio do alcalde de abrir "un escenario de acordos, diálogos e cumprimentos" non quede en nada. Foi o seu modo de saír ao paso da misiva que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, enviou a Feijóo, emprazándolle a acometer investimentos e derrogar normativas que "castigan a Vigo" como condición previa para abordar ese diálogo.

Así pois, Porro recordou a Caballero que se do que se trata é de abrir vías de intercambio con outras administracións, "a imposición e os condicionantes non son o mellor xeito de comezar, posto que son en si mesmas un obstáculo para o consenso". A delegada da Xunta en Vigo reiterou o seu convencemento de que as administracións deben traballar xuntas "para dar o mellor servizo aos galegos" e dixo que algunhas das reclamacións de Caballero "deben resolverse nunha mesa técnica, mentres que outras deben ser froito do diálogo".

A que fose alcaldesa de Vigo e presidenta da Autoridade Portuaria puxo en cuestión varios dos argumentos recurrentemente utilizados por Caballero para afearlle á Xunta o seu suposto desinterese por Vigo. Tras explicar a posición da Xunta con respecto a cada un dos sete puntos mencionados por Caballero, recordou que a modificación de leis é competencia parlamentara, e manifestou o seu compromiso de explorar todas as vías de entendemento posibles co Concello vigués co obxectivo común de que salgan gañando Vigo e os vigueses.

"Por moito que o alcalde intente minimizar o investimento da Xunta na cidade, o certo é que é a administración que máis inviste en Vigo", dixo Porro, que conclúe o seu comunicado así: "Vaia por diante a nosa vontade de camiñar xuntos".