Campaña especial da Garda Civil en Galicia para controlar o estado dos pneumáticos

Os axentes examinarán toda clase de vehículos os días 24 e 26 deste mes

Neumáticos en un taller HUTCH ROCK
photo_camera Pneumáticos nun taller. HUTCH ROCK

Esta semana, entre os días 24 e 26, axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil en Galicia revisarán o estado dos pneumáticos ao maior número posible de vehículos. 

Con esta campaña preténdese evitar o "grave risco" que supón para a seguridade viaria circular cos pneumáticos gastados e en mal estado, xa que aumenta as probabilidades de sufrir un accidente de tráfico. 

Un dos "factores crave e directamente relacionado coa seguridade viaria" en canto ás condicións técnicas do vehículo en caso de choiva é o estado dos pneumáticos, que garanten a adherencia á calzada, recorda a Garda Civil. O mal estado dos pneumáticos estivo en Galicia presente en dous accidentes mortais e 17 con feridos graves en 2017. 

Os controis levarán ao cabo nos tramos onde o risco de accidentes é maior, e tomando como referencia a sinistralidade dos últimos anos, nunha época do ano próxima á chegada do mal tempo e a tempada invernal. Os axentes examinarán toda clase de vehículos. 

A Garda Civil recomenda revisar periodicamente a profundidade de toda a banda de rodaxe do pneumático, que debe de ser superior a 1,6 milímetros, e de xeito habitual a súa presión, aplicando sempre as recomendadas polo fabricante, así como verificar os órganos de dirección e a suspensión do vehículo para evitar un desgaste desigual. 
 

Comentarios