Case 200 concellos conforman a rede galega contra a violencia de xénero

No que vai de ano seis novos concellos sumáronse a esta iniciativa: Becerreá, Antas de Ulla, O Irixo, Barbadás, A Mezquita e Vilarmaior
 

Un total de 194 concellos e mancomunidades están adheridos á Rede Galega contra a violencia de xénero, posta en marcha de xeito conxunto entre Xunta e a Fegamp no ano 2012.

No que vai de ano seis novos concellos sumáronse a esta iniciativa, informa un comunicado, e son Becerreá, Antas de Ulla, O Irixo, Barbadás, A Mezquita e Vilarmaior.

A 'Rede de entidades locais contra a violencia de xénero' configúrase como un instrumento que busca conseguir o rexeitamento social e institucional da violencia de xénero, sensibilizando á poboación e conseguindo a súa implicación e compromiso real contra esta secuela, fomentando ao mesmo tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade.

A Rede ten como obxectivos promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e detección precoz de situacións de risco, mobilizar e implicar a toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero, fomentando unha actitude crítica, solidaria e comprometida fronte a situacións de malos tratos, fomentar o trato igualitario entre mulleres e homes e conseguir a tolerancia cero coas persoas agresoras.

Para o Goberno galego as entidades locais son os axentes idóneos para desenvolver iniciativas tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, previr a violencia de xénero e favorecer as condicións de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, ao tratarse da administración máis próxima á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica dos seus veciños e veciñas.

Os concellos que estean adheridos á Rede, di a nota, obterán máis puntuación nas axudas da Secretaria Xeral da Igualdade, tanto nas destinadas ao mantemento dos Centros de Información á Muller, como nas axudas aos programas de conciliación e corresponsabilidade, e o de violencia de xénero.

Ademais de participar en numerosas actividades, como talleres ou actividades lúdicas ou deportivas postas en marcha en marcha polo Goberno galego e que non comportan custo económico algún para o concello, enmarcadas todas elas nos obxectivos de prevención, información, formación e asistencia directa ás vítimas de violencia de xénero e ás súas fillas e fillos. 

Comentarios