Os casos activos de covid baixan a menos de 6.000 en Galicia pero crecen os ingresos

Sanitarias nunha Uci. ARQUIVO
photo_camera Sanitarias nunha Uci. ARQUIVO

Os casos activos de coronavirus en Galicia baixaron este luns do limiar das 6.000 infeccións, para situarse en 5.848, que son 268 menos que no anterior balance. A actualización do Sergas revela que se detectaron 194 novos positivos en 24 horas, 83 máis que no balance anterior. 

En canto á presión hospitalaria, volve subir lixeiramente, un indicador que tal e como declarou este domingo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, Galicia "non consegue baixar", especialmente no relativo á unidade de coidados intensivos. Galicia ten 201 pacientes con covid hospitalizados, catro máis que na última xornada, cun aumento de dous pacientes nas Uci, ata alcanzar os 48 ingresados. O resto, 153, están en planta. 

Por áreas sanitarias, o descenso dos casos activos é xeneralizado por segunda xornada consecutiva, sendo o máis acusado o de Santiago, onde os casos caen en 85, ata alcanzar os 1.047. Séguena a área da Coruña, con 59 menos e un total de 1.457 casos activos; a de Vigo, que contabiliza 51 casos menos, ata os 858; a de Ferrol, que rexistra 31 menos, ata os 321; e a de Lugo, con 22 casos menos, ata os 1.221. Para rematar, Pontevedra ten 13 casos menos, ata os 358, e Ourense conta con sete menos, ata os 586. 

Desde o inicio da pandemia contaxiáronse en Galicia 180.109 persoas e recuperáronse 171.709, das que 460 corresponden á última xornada. O número de falecidos ascende xa a 2.584, tras as dúas mortes comunicadas este domingo polo Sergas.

Comentarios