Imputadas catro persoas por outros tantos lumes nas provincias de Lugo, Pontevedra e Ourense

Todos os lumes producíronse por queimas de restos forestais

A Policía Autonómica esclareceu nos últimos días catro incendios forestais rexistrados en Redondela e Baiona (Pontevedra), Palas de Rei (Lugo) e Maceda (Ourense), informou a Xunta nun comunicado.

En Redondela foi imputado un home de 80 anos como presunto autor dun incendio o pasado día 7 no lugar dos Valos, parroquia de Saxamonde.

O lume orixinouse pola suposta neglixencia do investigado á hora de realizar unha queima de restos forestais, e afectou 1,20 hectáreas de terreo forestal arboledo.

Tamén na provincia de Pontevedra, a Policía Autonómica imputou a un home como presunto autor dun incendio o 18 de marzo no lugar de Medialdea, parroquia de Belesar, en Baiona.

Neste caso víronse afectadas 0,28 hectáreas de superficie arboredo por mor dunha queima de restos forestais.

Na provincia Lugo, foi imputada unha muller de 70 anos en relación cun incendio o pasado día 6 no lugar de Pambre, en Palas de Rei, que afectou 0,91 hectáreas de superficie arboredo, por realizar unha queima sen autorización e na que supostamente non adoptara as debidas precaucións.

Para rematar, na provincia de Ourense, foi imputado un home por un incendio o día 7 na parroquia de Casasoa, en Maceda, por unha queima que orixinou un incendio que afectou 0,4 hectáreas.

No que vai de ano son 25 as persoas detidas pola Policía Autonómica como presuntos autores de incendios forestais.

Comentarios