Centos de persoas instan á Xunta a "recuperar" servizos na sanidade pública

Manifestantes nas concentracións convocadas en distintas cidades galegas mostraron o seu rexeitamento á "política de desmantelamento" do sistema sanitario público 

Concentración de SOS Sanidade Pública en Burela. TWITTER
photo_camera Concentración de SOS Sanidade Pública en Burela. TWITTER

Varias concentracións convocadas pola plataforma SOS Sanidade Pública en distintas cidades galegas mostraron na tarde deste mércores o rexeitamento dos participantes ao "desmantelamento" da sanidade pública galega e instaron á Xunta a "recuperar" os servizos privatizados. 

Segundo explicou o portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, a poboación galega é "consciente" da "política de desmantelamento" do sistema sanitario público que "sofre nas súas propias carnes" listas de espera "cada vez máis grande e ocultas". "Incluso en Atención Primaria os pacientes teñen que esperar días ou semanas para ser atendidos", sinalou. 

Así mesmo, denunciou que esta política beneficia "á sanidade privada" que "cada vez recibe máis enfermos concertados". "A Lei de Garantías de tempos de espera está a ser utilizada para multiplicar a desviación", indicou. 

"Mentres dedicamos os nosos esforzos a denunciar esta política, a Xunta dedicouse a cambiar o Sergas, trasladando responsabilidades, recursos e fondos a unha maraña de organismos públicos e privados nos que se mesturan intereses de empresas que non ten que ver coa sanidade", engadiu. 

Por todo iso, os participantes nas concentracións esixiron a retirada da reforma da Lei de Saúde de Galicia, a recuperación dos servizos privatizados e mellorar a Atención Primaria, entre outras cuestións. 

Comentarios