O Chicle, condenado a 5 anos por intentar agredir sexualmente a unha moza

José Enrique Abuín Gey abordou á moza na localidade coruñesa de Boiro

O Chicle, declarando durante un xuízo. LAVANDEIRA JR. (EFE)
photo_camera O Chicle, declarando durante o xuízo. LAVANDEIRA JR. (EFE)

José Enrique Abuín Gey, alias o Chicle, foi condenado pola sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, a cinco anos e un mes de prisión por abordar a unha moza en Boiro (A Coruña) o 25 de decembro de 2017 coa intención de agredila sexualmente.

O fallo coa pena imposta a este home, o único encarcerado pola morte doutra moza, Diana Quer, considérao autor dun delito de detención ilegal consumado e doutro de agresión sexual en grao de tentativa, segundo a resolución divulgada este martes polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O acusado tamén foi condenado á prohibición de achegarse a menos de medio quilómetro da vítima, así como ao seu domicilio, e de comunicarse con ela por calquera medio durante dez anos.

En canto ás indemnizacións, deberá abonarlle á prexudicada 11.546 euros por incapacidade temporal e secuelas e ao servizo galego de saúde (Sergas) 1.120 euros máis a cantidade que se determine na fase de execución da sentenza en concepto dos gastos de asistencia psicolóxica que se presten á afectada.

E, ademais dun delito de detención ilegal en concurso medial cun delito de agresión sexual en grao de tentativa, os xuíces consideran a Abuín Gey igualmente culpable dun delito leve de lesións polo que lle impuxeron o pago dunha multa de 600 euros.

A Audiencia, tal e como consta na sentenza, determinou que a proba analizada pon de manifesto que o que o acusado buscou desde un principio e conseguiu foi privar á denunciante da súa liberdade ambulatoria.

Tampouco teñen dúbidas os maxistrados acerca de que a súa intención era coller á muller, "metela no coche e trasladala a algún lugar para satisfacer o seu ánimo libidinoso". "Non se lle ocorre a este tribunal ningunha outra alternativa. A súa intención non era a de apoderarse do seu diñeiro ou o móbil. O que pretendía era coller o teléfono da vítima para que non puidese pedir axuda", testemuñan, e non a subtracción do mesmo, como el alegou no xuízo.

Os xuíces fan constar así mesmo na resolución, para referendar este argumento, que o acusado rexeitou o diñeiro que lle ofrecía a vítima, polo que conclúen que "se quixese roubarlle non tiña necesidade algunha de introducila no coche". Afirman así mesmo que o ataque sorpresivo a unha muller nova, de noite, nunha zona pouco transitada, e o intento reiterado de encerrala no maleteiro do vehículo "levan a inferir, como única hipótese verosímil, que trataba de trasladala a un lugar máis seguro para poder abusar sexualmente dela".

Para a sala, o feito de que non o puido materializar obedeceu unicamente á enteireza da vítima, que pediu preservar o seu anonimato, e que se resistiu como puido á agresión sufrida; así como á axuda dos dous mozos que, ao acudir en auxilio daquela nese Nadal, obrigaron ao acusado a fuxir do lugar do crime sen lograr o seu obxectivo último.

Nos fundamentos de dereito da sentenza, apuntan os maxistrados que os feitos que se axuizan neste proceso son unicamente os ocorridos o día 25 de decembro de 2017 e que se desenvolveron nun lapso temporal que se prolongou entre dez e quince minutos.

"Xúlgase ao acusado polo que fixo e tiña intención de facer ese día. Non se lle xulga polos feitos ocorridos no ano 2005 no partido xudicial de Noia, nin polos ocorridos en agosto de 2016 no partido xudicial de Ribeira, aos que se referiu o Ministerio Fiscal no seu escrito de acusación e que se trataron de introducir ao longo do proceso por distintas vías. Tales feitos non só non son obxecto do presente procedemento, senón que se atopan en fase de investigación e nin sequera foron xulgados", subscriben en relación ao suposto abuso do Chicle á que era a súa cuñada e ao caso Diana Quer.

E fai fincapé tamén este tribunal en que o fin de prevención da pena, ou a denominada exemplaridade das condenas, "non se cumpre impondo penas desmesuradamente altas en relación co delito que se xulga, ou tratando de sancionar penalmente máis condutas que as realmente cometidas".

Para rematar, afirman na sentenza, ademais, que os xuíces e tribunais deben aplicar a norma "sen estridencias, sen exhibicionismo e con rigor", e todo iso porque "non só así o esixen os dereitos fundamentais do acusado, senón tamén porque así o require unha sociedade democrática que se fundamenta en valores tan básicos como son a liberdade ou a seguridade xurídica".

En opinión da sala, "ese rigor debería ser exixible non só aos xuíces e tribunais, senón tamén aos restantes operadores xurídicos, porque os efectos perversos que produce esa falta de rigor son o de transmitir á sociedade unha falsa imaxe de impunidade e o de socavar a confianza desta nos tribunais de Xustiza".