Unha colisión múltiple na AP-9 provoca importantes retencións na entrada a Vigo

Atasco na AP-9, este xoves. TVG

Catro persoas resultaron feridas o accidente no que se viron involucrados oito vehículos

Catro persoas resultaron feridas este xoves pola mañá nun choque en cadea no que se viron implicados un total de oito vehículos en Vigo. Sucedeu na AP-9 ao fío das 5.45 horas, concretamente no punto quilométrico 2,300, no interior do túnel que se atopa antes da saída da Avenida Buenos Aires.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a intensa sarabia que caeu nese momento na vía de circulación propiciou que os vehículos escorregasen e chocasen uns cos outros, o que provocou retencións ao longo de dous quilómetros.

Varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para alertar do ocorrido. Enseguida, os xestores do CIAE-112 puxeron a situación en coñecemento da Garda Civil de Tráfico, do servizo de mantemento da vía, das 061-Urxencias Sanitarias, da Policía Local e dos Bombeiros de Vigo.

COLISIÓN MÚLTIPLE. Tamén en Vigo, este mércores pola tarde tivo lugar unha colisión múltiple na rotonda de Ricardo Mella, nas proximidades da VG-20. Foron un total de catro vehículos os que chocaron e unha persoa, que resultou ferida leve, foi trasladada ao hospital Povisa.

Nada máis ter constancia do accidente ás 17.15 horas a través dunha persoa particular, o persoal do 112 Galicia pasou o aviso ás 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local, aos Bombeiros de Vigo e a Protección Civil.