Compostela pide no TSXG un protocolo de axuda para as vítimas de desafiuzamentos

Martiño Noriega busca un trato directo coa xustiza nos casos de desaloxo porque "as institucións e as plataformas chegan só a unha parte dos casos e tarde", o que deriva en problemas para os afectados

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, explicou este mércores que aspira a lograr un protocolo de axuda ás vítimas de desafiuzamentos na súa reunión co presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadeas.

Noriega acudiu esta mañá ao Palacio de Xustiza na coruñesa praza de Galicia con vontade de "diálogo", segundo relatou aos medios de comunicación que agardaban a súa chegada.

Busca un trato directo coa administración de Xustiza nos casos relacionados cos desafiuzamentos porque "as institucións e as plataformas (contra desaloxos) chegan só a unha parte dos casos e tarde", o que deriva en problemas para os afectados.

Por iso, espera "colaboración para poder articular solucións", xa que ten "constancia de que moitas veces son casos silentes que non chegan á administración, ás plataformas ou a servizos sociais".

Nese sentido, avoga por establecer un "protocolo" de actuación, que Xustiza avise de posibles casos e que sexan as institucións as que se encarguen de intentar pór unha solución a estes "dramas persoais derivados da situación de crise" actual.

Comentarios