Os concellos poden comezar a pedir axudas para contratar vítimas de violencia de xénero

Foto de archivo en contra da violencia machista. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Foto de archivo en contra da violencia machista. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Diario Oficial de Galicia publicou este luns a orde de axudas a concellos galegos para a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero. Estes apoios, que os consistorios poderán solicitar a partir do martes, contan cun orzamento de 1,4 millóns financiados no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. 

Segundo detalla a Vicepresidencia da Xunta, as subvencións desta convocatoria destínanse á realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de 12 mensualidades para a súa inserción laboral. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres alcancen unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamiento e reforzar, ao mesmo tempo, as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social. 

A achega da Administración autonómica cobre ata 12 mensualidades

A contía da subvención, que se concederá ás entidades locais será, por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo convenio colectivo ou normativa aplicable vixente no momento de formular a solicitude e acorde coa súa categoría profesional. 

Poderán ser beneficiarios das subvencións os concellos mediante solicitude individual ou a través dunha petición conxunta dunha agrupación ou asociación de municipios, mancomunidades e consorcios locais, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal. Para poder recibir estas axudas, a entidade deberá ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2018 ao Consello de Contas de Galicia. 

A presentación das solicitudes realizarase a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.ga). O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde este martes e o da formalización de contratos por parte da entidade beneficiaria prolongarase por tres meses desde a concesión da subvención e antes do 20 de outubro de 2020. 

Comentarios