Condenado a cinco anos de cárcere por golpear cun martelo á súa amiga

Deberá indemnizar á vítima con 4.900 euros

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña anunciou este mércores que condenou a cinco anos de prisión a un home acusado de golpear cun martelo na cabeza a unha amiga coa que compartía piso en Ferrol. O xuíz, segundo recolle na sentenza datada o 5 de decembro e difundida polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), considera probado que o imputado golpeou "fortemente" á vítima na cabeza coa clara intención de acabar "coa súa vida".

Os feitos xulgados tiveron lugar o pasado 3 de abril de 2017, día no que se produciu unha discusión no domicilio no que convivían, onde o acusado dispuña dunha habitación arrendada pola vítima. No marco desta discusión produciuse a agresión por parte do imputado, aínda que, a pesar de sufrir unha ferida, a vítima puido "reaccionar" e, tras "separarse del", logrou fuxir do lugar.

A maxistrada tamén descartou que o acusado, como aducira a súa defensa, padecese calquera tipo de anomalía ou alteración psíquica que lle impedise ter plena conciencia da realidade, xa que unicamente presentaba "patoloxías que producen unha deterioración cognitiva leve". Deste xeito, a Audiencia Provincial da Coruña condenou ao acusado a cinco anos de prisión como autor dun delito de homicidio en grao de tentativa, así como a indemnizar á vítima con 4.900 euros e abonar ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a cantidade correspondente aos custos derivados da súa atención.

Comentarios