Condenan ao extesoureiro de Lousame a dous anos e nove meses de cárcere por malversación

O tribunal considera probado que se apoderou de 290.000 euros do Concello

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a dous anos e nove meses de prisión e á inhabilitación absoluta durante oito anos ao extesoureiro do Concello de Lousame por cometer un delito de malversación de caudais públicos. Ademais, impúxolle o abono dunha indemnización de 154.565 euros. 

Os outros dous acusados, a muller do que fose tesoureiro e o que era administrador dunha empresa á que o sentenciado desviou fondos, foron absoltos dos delitos de malversación de caudais públicos que lles imputaban.

O tribunal indica no fallo que o condenado, entre os anos 2010 e 2012, aproveitou o acceso que tiña ás contas bancarias da Administración local para desviar diñeiro "en numerosas ocasións e utilizando diferentes técnicas". Desta forma, conseguiu apoderarse de 290.564 euros.

"As subtraccións de diñeiro efectuadas polo acusado supuxeron un detrimento económico notable para o patrimonio do Concello durante moito tempo", destaca a Audiencia Provincial, á vez que subliña que "afectaron de xeito considerable ao funcionamento ordinario do Concello e á carga de traballo dos funcionarios que integraban o persoal, así como ao prestixio do Concello cos seus provedores". 

Comentarios