Convocan en Vigo un acto de homenaxe a Déborah Fernández, asasinada en 2002

A familia segue loitando para que se retome a investigación

Déborah Fernández. AEP
photo_camera Déborah Fernández. AEP

A familia de Déborah Fernández-Cervera, desaparecida cando facía deporte na zona de Samil, en Vigo, en 2002 e achada morta dez días máis tarde nunha cuneta na localidade do Rosal, convocou unha concentración en Vigo con motivo do aniversario da desaparición da moza.

Será unha homenaxe chea de arte, poesía e música, "as paixóns de Déborah", explica a súa irmá Rosa a través dun comunicado.

A familia iniciou nos últimos meses unha campaña con carteis por toda a cidade pedindo á cidadanía que achegue calquera dato que poida axudar a esclarecer a morte da moza porque, recordan na súa nota, achégase a data de prescrición do delito.

Por iso, a familia quere denunciar "a inxustiza e desidia" cometida, segundo sosteñen, durante os últimos dez anos de investigación do caso e reclaman o respaldo da cidadanía para demostrar que este tipo de crimes "non deben quedar impunes, polo menos na medida das nosas posibilidades".

No comunicado, a irmá de Déborah tamén aproveita para agradecer a toda a cidadanía o apoio mostrado durante estes anos e por iso o acto tratará de mostrar a faceta máis persoal da moza, "a arte en estado puro".

O evento terá lugar o vindeiro martes, 30 de abril, ás 20 horas na Porta do Sol da cidade viguesa e contará coa colaboración de numerosos artistas que se sumaron á causa de forma totalmente desinteresada. 

Estarán, entre outros, Daniela DiCostas, Patricia Moon, Lorena Freijeiro, Carolina Gutiérrez, Nuria Curta e as bandas viguesas Maldito Murphy e a síndrome de Penny Lane. Tamén o artista vigués Jorge Céspedes e Mancloy.

Ademais o artista urbano vigués Powone pintará en directo un retrato de Déborah no que, unha vez finalizado o acto, realizarase unha ofrenda floral. 

De feito, Rosa Fernández fixo un chamamento para que todas aquelas persoas que queiran asistir á concentración leven margaridas, velas e vaian cunha sudadera branca.

A familia recordou na súa nota que puxeron en marcha tamén unha campaña en Change.org na que máis de 225.000 persoas asinaron para que se reabra o caso. 

"Seguimos pensando que, a pesar dos 17 anos transcorridos, estamos máis cerca que nunca", sinala Rosa Fernández, que engade que a familia, xunto aos seus avogados e a UDEV de Madrid, están a preparar a documentación necesaria para solicitar a reapertura.

Recordan que se produciron novos achados que poderían servir para abrir unha nova liña de investigación que permita esclarecer o que lle ocorreu á moza viguesa, que desapareceu en 2002 aos 21 anos e o seu corpo foi achado unha semana despois nunha cuneta no Rosal.

Comentarios