Besteiro destaca o "peor resultado" da historia do PP e Feijóo insiste en que seguen gañando

O secretario xeral do PSdeG mostrou a súa satisfacción polas maiorías conseguidas. O presidente galego puntualizou que a súa formación foi a máis votada en máis de 200 municipios dos 314 de Galicia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou destacado que o PPdeG  "ten o peor resultado do partido na historia en Galicia" e afirmou que, tras o 24M, o partido de Alberto Núñez Feijóo, comezou "unha viaxe sen retorno". Pola súa banda, o presidente da Xunta e líder do PP galego insistiu en que o seu partido gañou as eleccións tanto en Galicia como en España, aínda que recoñeceu que lle gustaría gañar "máis contundentemente" pero "os datos son os que son".

Besteiro mostrouse satisfeito dos resultados obtidos polos socialistas en Galicia, municipios nos que dixo que "melloramos en votos, en alcaldías e en concelleiros", respecto dos resultados dos comicios locais de 2011.

"Onde máis poder absoluto tivo o PP máis indignación e máis contestación tivo", sinalou Besteiro. Nesta liña afirmou que en "catro anos extraordinariamente duros" os socialistas responderon "sen dar as costas aos cidadáns" e que "as políticas durísimas do PP tiveron unha contestación máis que evidente", o que dixo que finalmente se reflectiu nos resultados electorais.

Nunha comparecencia ante os informadores que se demorou ata pasadas as doce da noite, Gómez Besteiro afirmou que o Partido Socialista é a única forza con representación no Parlamento de Galicia e que incrementa os votos respecto das últimas eleccións municipais.

O PSdeG, agregou, "está en condicións de gobernar hoxe unha trintena de concellos máis que hai catro anos, chegando case ao centenar".

"Pola contra -puntualizou-, o Partido Popular de Núñez Feijóo ten o peor resultado da historia do partido en Galicia, tanto en votos como en número de concelleiros como en número de alcaldes; perde case dez puntos desde as últimas eleccións municipais e o goberno de tres de catro deputacións cos datos que temos ata este momento".

Para Besteiro "a Galicia municipal é máis socialista e máis de esquerdas que hai catro anos. Onde o PP tiña máis poder os cidadáns contestáronlle con maior indignación ante as súas políticas e botáronos das alcaldías sen paliativos".


Sobre o resultado obtido por Abel Caballero en Vigo, confesou sentirse "especialmente orgulloso"; "o mellor resultado dos socialistas en España nas grandes cidades", afirmou.

Tamén se mostrou "orgulloso" da Deputación de Lugo, "bastión no pasado do PP e que por terceira vez terá unha Presidencia socialista", e de "feudos históricos do PP que hoxe confiaron nas políticas socialistas".
 
RESULTADOS DO PP. Pola súa banda, Feijóo defendeu que 
a súa formación foi la máis votada en máis de 200 municipios dos 314 de Galicia, entre eles en 3 ou 4 das grandes cidades, en función do resultado da Coruña, e nuns 150 deles gobernará con maioría absoluta.


Na súa intervención dixo que case o 36% de votos que conseguiu o PP, uns nove puntos menos que en 2011, convérteo en claro vencedor das eleccións, con case dez puntos de vantaxe sobre o PSdeG e máis de vinte sobre o BNG.

Núñez Feijóo considerou que a partir de agora ábrese unha situación "incerta, de difícil gobernabilidade nalgúns municipios, tanto en Galicia como en España", xa que "hai moitas menos maiorías absolutas" e hai concellos, asegurou, que poden tardar días ou semanas en saber quen será o seu alcalde ou alcaldesa.

Respecto das municipais de 2011, o PP galego déixase case dez puntos, algo que Núñez Feijóo explicou polos magníficos resultados obtidos naquela ocasión e pola "irrupción de Podemos con distintas denominacións", como tamén ocorreu en Barcelona e outras capitais, dixo.

"Hai unha forza de esquerdas aparentemente rupturista e veremos se gobernan nalgún sitio se propón cuestións rupturistas ou as van modulando", indicou.

O líder do PP galego insistiu en que é "a primeira vez" que aparecen forzas" que non estaban no radar" e destacou que "salvo en Pontevedra, o BNG sofre un descenso moi acusado e salvo en Vigo, ao PSdeG ocórrelle o mesmo".

Por este motivo afirmou que o seu partido traballará pola estabilidade e ironizou sobre o feito de que outros partidos celebren resultados "peores" que os seus.

En calquera caso, felicitou e nomeou aos vencedores nas seis principais cidades, a falta de saber o resultado da Coruña porque "teñen a confianza dos seus veciños".

Comentarios