O Sergas asegura que só coñece a denuncia da Fiscalía polos medios

O director de asistencia sanitaria, Ramón Ares, asegura que non recibiron ningunha comunicación oficial e incide en que "todos os doentes graves que necesitaron o tratamento, tivérono"

O director xeral de asistencia sanitaria, Ramón Ares, asegurou este mércores que a información que ten a Xunta sobre a denuncia da Fiscalía polos pacientes de hepatite C é "polos medios", xa que "non hai comunicación" oficial nin se saben os "termos".

A Fiscalía de Santiago de Compostela presentou unha denuncia contra o Servizo Galego de Saúde ante o Xulgado de garda pola morte de enfermos de hepatite C.

Ares destacou a colaboración coa Fiscalía ao facilitarlle os datos que lle pediu sobre o funcionamento da comisión avaliadora dos novos medicamentos que se puxo en marcha cando "moitos deles non estaban nin comercializados en España", dixo durante a súa participación nunha conferencia de prensa sobre o balance de doazóns e transplantes en Galicia en 2015.

Asegurou que o traballo desa comisión foi "rigoroso" e "funcionou perfectamente", xa que antes de que se puxese en marcha o plan estratéxico "todos os doentes graves que necesitaron o tratamento, tivérono".

"Máis de 1.200 doentes recibiron asistencia antes de que se aprobase o plan estratéxico do Ministerio e antes de que o medicamento se comercializase en España", dixo.

"Sempre que as características dos doentes se adaptaron aos criterios da comisión, autorizouse", incidiu.

Para o responsable de asistencia sanitaria, o funcionamento da comisión foi "moi bo" e permitiu tratar a moitos doentes antes da posta en marcha do plan estratéxico, concluíu.

Comentarios