A Audiencia de Ourense rexeita o sobresemento do caso Baltar

O presidente da Deputación de Ourense está a ser investigado por suborno e tráfico de influencias despois de que unha muller o denunciase por, supostamente, ofrecerlle un emprego a cambio de sexo

A Audiencia Provincial de Ourense rexeitou o recurso presentado polo presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar (PP), no que pedía o sobresemento do seu caso, investigado por suborno e tráfico de influencias despois de que unha muller o denunciase por supostamente ofrecerlle un emprego a cambio de sexo.

Diso informou este mércores o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que sinala a Audiencia considera que non ha lugar ao sobresemento do caso que implica a Baltar, ao atoparse na fase inicial da instrución. Así mesmo, a Audiencia tamén rexeita senllos recursos de Baltar e a muller que o denunciou nos que pretendían que se modificase a súa condición de investigados -a muller tamén está investigada por suborno-, xa que xa prestaron declaración en calidade de investigados -antes denominados imputados-.

Esta decisión da Audiencia chega despois de que a maxistrada do xulgado de instrución número 3 de Ourense xa denegase as cuestións previas solicitadas pola defensa do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, antes da súa declaración como investigado en marzo por suborno, nas que se pedía a nulidade da causa e que non se permitise a personación de Democracia Ourensana como acusación popular.

O CASO BALTAR. A mediados do pasado mes de outubro, Teresa F.C. denunciou ante a Fiscalía que Manuel Baltar lle ofrecera no ano 2010 "unha praza fixa" na Deputación provincial a cambio de manter relacións sexuais. Entón, esta institución aínda a dirixía o seu pai, José Luis Baltar.

Nun primeiro momento, a Fiscalía Provincial de Ourense decretou o arquivo de dilixencias de investigación penal, pero a muller presentou unha nova denuncia ante o xulgado de garda por un suposto delito de acoso sexual. Tras estudar a denuncia e as gravacións achegadas pola muller, a xuíza encargada do caso excluíu a existencia de acoso sexual, ao non existir unha relación laboral, docente ou de prestación de servizos entre ambos no momento da relación sexual. Con todo, sinalou a posibilidade dun delito de suborno e tráfico de influencias dada a relación persoal de Manuel Baltar co presidente da Deputación no momento dos feitos. Tras esta decisión a muller pasou a ser chamada como investigada como coautora dun delito de suborno, do mesmo xeito que Baltar.

Foi a mediados de marzo cando Baltar declarou en calidade de investigado, onde asegurou ante a xuíza que non deu ningún posto nin fixo ningunha proposta á muller que o denunciou, Teresa F.C., quen pola súa banda se reafirmou na súa versión.

Comentarios