A Xunta devolverá o 50% que faltaba da extra de 2012 en abril e setembro

Unha metade abonarase coa nómina de abril e a outra, coa de setembro. A partir de 2017, os funcionarios recuperarán tamén o complemento específico. Os sindicatos cualifican a decisión de "electoralista"

A Xunta devolverá aos seus empregados e aos traballadores das universidades galegas e os colexios concertados o 50% que restaba da paga extraordinaria que, en decembro de 2012, lles foi retirada.

En concreto, segundo indicaron fontes da Consellería de Facenda, a metade desa contía abonarase coa nómina de abril e a parte restante, coa do mes de setembro. Serán arredor de 450 euros en cada pago os que recibirán unhas 100.000 persoas. O custo para as arcas da Xunta é duns 100 millóns de euros.

Esta medida chega despois de que en 2015 se devolvese en dous prazos a outra metade desta extra. A decisión foi comunicada aos sindicatos polo titular de Facenda, Valeriano Martínez, nunha reunión mantida este mesmo mércores.

Adicionalmente, o conselleiro trasladou aos representantes sindicais que, a partir do mes de xaneiro de 2017, os empregados públicos volverán percibir o complemento específico que fora retirado pola Xunta en 2013, polo que recuperarán as condicións que tiñan antes da crise.

ELECTORALISMO. Pola súa banda, a través de senllos comunicados, tanto CSIF como CIG se pronunciaron sobre este anuncio, que vincularon coa convocatoria dos comicios autonómicos. Con todo, CSIF saudou a decisión, que cualificou de "positiva", pero advertiu de que é "aínda insuficiente"; de modo que apelou a sentar "pronto" a negociar "a recuperación da totalidade das condicións laborais e económicas perdidas e dos dereitos recortados desde 2010".

En cambio, a central nacionalista cuestionou o "anuncio por enésima vez" da devolución desta paga e expresou a súa desconfianza sobre o reintegro en 2017 do complemento específico. 

Comentarios