Os falecidos en accidente de tráfico crecen un 17% en Galicia ata setembro

No que vai de ano perderon a vida 75 persoas nas estradas da comunidade
Accidente en Caldas de Reis
photo_camera Accidente en Caldas de Reis

Os falecidos en accidentes de tráfico en Galicia aumentaron un 17,2% ata setembro en comparación cos nove primeiros meses de 2015, ao perder a vida 75 persoas, mentres que o número de sinistros mortais creceu no mesmo período un 18%, ata 72. Segundo os datos feitos públicos este luns pola Dirección Xeral de Tráfico, desde xaneiro todas as provincias galegas rexistraron incrementos nestes indicadores excepto A Coruña, onde este tipo de sucesos diminuíron un 7,4% e as vítimas un 13,8%.

En concreto, a cifra de falecidos en Lugo duplicouse en comparación ao ano anterior, ao pasar de 10 a 20, e os accidentes creceron un 80%, ata os 18. En Ourense tamén se incrementaron os sinistros con desenlace letal un 80%, ata os nove, e a cifra de falecidos pasou de cinco a nove. Finalmente, a provincia de Pontevedra rexistrou 21 vítimas mortais —un 5% máis— e 20 incidentes.

No que vai de ano, os meses nos que se rexistraron un maior número de accidentes fatais foron febreiro e xullo, con 14 cada un. O 34,7% destes sinistros tivo lugar na Coruña, o 27,8% en Pontevedra, o 25% en Lugo e o 12,5% en Ourense. 

DATOS MENSUAIS. Pola contra, tanto a cifra de sinistros como o número de falecidos na estrada en Galicia descenderon en setembro en relación ao mesmo mes do ano anterior. En concreto, o número de accidentes caeu un 28,6%, ata os cinco; e as vítimas diminuíron un 25%, ata seis. Por provincias, o mes pasado faleceron tres persoas en accidente de tráfico en Pontevedra, dous na Coruña e unha en Lugo. A Coruña e Pontevedra rexistraron a mesma cifra que hai un ano, mentres que en Lugo baixou o número de falecidos.

Segundo o tipo de accidente, en setembro os máis frecuentes foron as colisións, seguidas das saídas de vía e os vuelcos. Dous dos falecidos tiñan entre 36 e 45 anos, outros dous entre 46 e 55, un entre 56 e 65 e unha das vítimas mortais era maior de 65 anos.

Comentarios