Un mozo apuñala ao condutor dun camión do lixo en Pontevedra

O agresor, un veciño do barrio de 26 anos, recriminoulle á vítima que circulase en sentido contrario pola rúa

Un traballador da empresa Ferrovial Servizos, adxudicataria do servizo de limpeza viaria en Pontevedra, foi apuñalado na madrugada deste venres mentres se atopaba recollendo o lixo nun barrio da cidade.

Fontes policiais confirmaron que o agresor, duns 26 anos, xa foi detido.

O suceso produciuse sobre as 2,30 da madrugada na urbanización de Monte Porreiro.

O agresor, segundo explicou a Policía Nacional, saíu ao paso do camión de recollida de lixo no que viaxaba a vítima para recriminarlle que circulase por sentido contrario nunha das rúas deste barrio. Tras discutir con el, o mozo supostamente apuñalouno no costado, segundo relatou a vítima aos axentes.

Foi este home, duns 40 anos, o que chamou aos servizos de urxencia para informar do ocorrido e solicitar asistencia médica.

Atópase ingresado no Complexo Hospitalario de Pontevedra aínda que o seu estado non reviste gravidade.

Nese mesmo centro sanitario está ingresado o presunto autor desta agresión, xa que segundo os axentes atopábase nervioso e resistiuse ao arresto, polo que os servizos médicos víronse obrigados a administrarlle un calmante.

O mozo ten múltiples antecedentes, incluído algún por agresión.

Comentarios