O coronavirus cobrouse 567 vidas en Galicia

Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. GOOGLEMAPS
photo_camera Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. GOOGLEMAPS

Catro novos falecementos rexistrados este domingo elevaron o número de vítimas mortais por coronavirus en Galicia ata as 567 no cómputo definitivo, atendendo aos datos facilitados pola Consellería de Sanidade.

Os últimos falecidos estaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e tiñan patoloxías previas. Son dúas mulleres --de 74 e 87 anos-- e dous homes --de 74 e 88---.

O Servizo Galego de Saúde ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

A Consellería de Sanidade recomenda aos cidadáns utilizar o número 061 só para urxencias ou casos graves, e aconsella empregar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Ademais, incide nas medidas de autoprotección e hixiene para intentar deter os contagios, como o lavado frecuente de mans, especialmente logo de toser ou soarse. Tamén hai que cubrirse o nariz e a boca cun pano --preferentemente dun uso-- ao tusir ou esbirrar, e se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado.

É preciso, ademais, evitar tocarse os ollos, o nariz e a boca coas mans. 

Comentarios